HomePontevedraBaixo MiñoTomiño reclama á Xunta solucións urxentes para o cento de agricultores do...

Tomiño reclama á Xunta solucións urxentes para o cento de agricultores do Baixo Miño afectados pola suspensión de carnés fitosanitarios

- Anuncio -spot_img

O Concello aprobou en pleno unha modificación de crédito que permitirá a Tomiño alcanzar a débeda cero

O Goberno local tamén insta ao Goberno do Estado e Xunta a dar pasos firmes para frear o xenocidio en Palestina

A defensa do rural e dos seus veciños e veciñas marcou o último pleno do Concello de Tomiño, que aprobou por unanimidade apoiar as persoas que se viron gravemente afectadas pola repentina suspensión de carnés de produtos fitosanitarios. Esta decisión da Xunta deixou a moitas pequenas e pequenos produtores en Galicia, máis dun cento no Baixo Miño, sen poder adquirir tratamentos esenciais para as súas colleitas en plena campaña de aplicación de fitosanitarios, xerando incerteza e risco para a sustentabilidade de agricultoras e agricultores que cultivas para autoconsumo ou que manteñen pequenas explotacións con vocación de comercio local.

Desde o Concello reclámase á Xunta solucións urxentes, gratuítas e sen máis cargas burocráticas para garantir que esas pequenas e pequenos produtores poidan continuar co seu traballo con seguridade xurídica e sanitaria.

Tomiño alcanzará a débeda cero

No mesmo pleno, Tomiño deu un paso histórico coa aprobación dunha modificación de crédito de case 1,9 millóns de euros, cos que liquidará por completo os dous préstamos pendentes coas entidades financeiras, acadando así un nivel de débeda cero sen precedentes. Esta situación é froito dunha xestión rigorosa e dun exercicio 2024 pechado cun superávit superior aos 3,5 millóns, grazas á captación de fondos europeos e doutros organismos, e ao pagamento áxil a provedores que fai do municipio un referente en solvencia.

A alcaldesa, Sandra González, salientou que “chegar á débeda cero é a mellor mostra do bo uso dos recursos de todas e todos, o que nos permite continuar investindo no futuro sen hipotecar ás novas xeracións”. Entre os investimentos previstos destacan 370.000 euros para cofinanciar con Deputación e Xunta a compra de colectores e vehículos para a nova xestión dos residuos, 50.000 euros para un sistema de drenaxe en Carregal dentro do Plan de Prevención de Inundacións e unha nova liña de axudas para mellorar os saneamentos autónomos das familias.

Non ao xenocidio en Palestina

Tomiño deixou tamén patente o seu compromiso coa xustiza coa aprobación en pleno de mocións que manifestan o total rexeitamento e condena do Concello tomiñés ás accións xenocidas do Estado de Israel na Faixa de Gaza, urxindo así o cese inmediato das hostilidades, o cumprimento do Dereito Internacional Humanitario e o recoñecemento efectivo dun Estado palestino libre e soberano.

As mocións, presentadas por BNG e PSOE, recollen o sentir dunha veciñanza que non pode ficar indiferente ante máis de 55.000 persoas asasinadas, 16.000 delas crianzas, case dous millóns desprazadas á forza e un bloqueo que afoga á poboación civil privándoa de alimentos, medicamentos e axuda humanitaria, convertendo Gaza, como advertiu a ONU, nun “cemiterio de nenos”.

O acordo inclúe compromisos claros do Concello como instar ao Goberno de España e á Xunta de Galicia a dar pasos firmes para parar o xenocidio, impoñer sancións e garantir o dereito do pobo palestino a existir con dignidade.

Publicacións Relacionadas