O Concello aprobou en pleno solicitar esta axuda do 2% Cultural para restaurar este elemento singular do patrimonio histórico tomiñés, que sufriu importantes danos tras as fortes inundacións do 2022
A recuperación do patrimonio é unha prioridade estratéxica para Tomiño. O Concello aprobou en pleno solicitar unha subvención de case 225.000 euros para a recuperación do baluarte de Santiago da Fortaleza de San Lourenzo, en Goián, un elemento patrimonial singular que sufriu importantes danos na súa estrutura e estabilidade tras as fortes inundacións rexistradas a finais de 2022.
Esta solicitude preséntase tras manter unha reunión con Patrimonio Cultural, na que a Xunta de Galicia trasladou que non dispón actualmente de fondos propios para abordar a restauración deste ben, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e considerado unha das fortalezas máis relevantes do século XVII na fronteira do Miño. Ante esta situación, o Concello activou a vía de financiamento estatal para garantir a súa conservación e recuperación.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que a captación destes fondos “é un paso decisivo para o noso patrimonio e para Goián, porque nos permitirá afrontar a recuperación dun elemento histórico fundamental que quedou seriamente afectado polas inundacións. Esta axuda supón un respaldo importante do Goberno central á protección dun ben que forma parte da nosa identidade e da memoria colectiva”.
Con esta captación de fondos, o proxecto de recuperación, que suporá un investimento de case 313.000 euros, estaría cofinanciado con fondos propios do Concello e con fondos do programa do 2% Cultural do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e do Ministerio de Cultura.
O proxecto contempla actuacións técnicas destinadas a mellorar o drenaxe e a estabilidade estrutural do lenzo, reforzando o revestimento de madeira con materiais que garantan unha maior durabilidade ou recuperando as iluminacións danadas, entre outras actuacións.
Con este financiamento, o Concello dá un paso decisivo na conservación e posta en valor dun dos bens patrimoniais máis emblemáticos do municipio, garantindo a súa recuperación e mellor protección fronte a futuros episodios de risco.



