HomePontevedraBaixo MiñoTomiño supera as 20.000 incidencias xestionadas a través da app Meu Concello

Tomiño supera as 20.000 incidencias xestionadas a través da app Meu Concello

- Anuncio -spot_img

Esta aplicación móbil permite á veciñanza dar traslado de incidencias e ao Concello sistematizar os equipos de traballo para resolvelas

Dende a súa posta en marcha en 2020 resolvéronse xa o 95,6% das incidencias comunicadas

A aplicación móbil Meu Concello de Tomiño remata o 2025 rachando récords e éxitos. O Concello puxo en marcha en 2020 esta canle de comunicación para ofrecer á veciñanza un modelo sinxelo e directo para reportar posibles incidencias, unha ferramenta dixital accesible dende calquera dispositivo móbil coa que xa se superaron as 20.000 incidencias xestionadas, unha cifra histórica que avala o éxito dunha app que reforza a comunicación directa co persoal municipal e acelera a resposta ante calquera problema detectado na vía pública.

A ferramenta conta xa con case 3.600 persoas usuarias e continúa a medrar ano tras ano, consolidándose como unha canle esencial de diálogo diario entre o Concello e a veciñanza. Ata o momento máis do 95,6% das incidencias transmitidas foron xa resoltas polos equipos municipais, máis de 19.100 actuacións que, en moitos casos, se solucionan en poucos días.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta que “a app Meu Concello é unha ferramenta clave para avanzar nun modelo de gobernanza máis aberto e moderno, que facilita que a veciñanza participe e axude a mellorar o día a día da localidade”. A rexedora destaca ademais que este sistema permite “optimizar recursos, responder máis rápido ás necesidades reais e fortalecer a comunicación directa entre administración e persoas usuarias”.

Un modelo de xestión áxil e eficiente

O alumeado público concentra a maior parte das solicitudes, con preto do 43% das incidencias recibidas, seguida de lonxe polas incidencias relacionadas co lixo (9%) e coas fochancas (6%). Coa aplicación, o persoal recibe en tempo real o aviso e a súa localización exacta, o que simplifica enormemente a intervención e permite priorizar actuacións segundo a súa urxencia.

O Concello xestiona arredor de 4.000 incidencias ao ano, un ritmo que amosa o nivel de implicación social e a capacidade organizativa municipal. O concelleiro de Obras, Alexandre Pérez, lembra que “a app facilitou unha transformación importante no funcionamento interno dos equipos municipais, xa que as incidencias chegan organizadas, xeolocalizadas e con detalle suficiente o que simplifica moito todo o proceso e permite actuar con máis rapidez”. Subliña ademais que “dispoñer desta información de maneira estruturada permítenos planificar mellor o traballo diario e tamén priorizar investimentos segundo as necesidades reais que detecta a veciñanza”.

Participación cidadá ao alcance dun clic

A app Meu Concello, dispoñible de forma gratuíta en Google Play e App Store, permite comunicar incidencias localizadas no municipio, consultar novas municipais e recibir avisos e comunicacións urxentes do Concello.

O seu uso é simple: tras descargar a aplicación, abonda con seleccionar o municipio de Tomiño para comezar a reportar incidencias de forma directa. O aviso chega de inmediato á área correspondente, onde se realiza o seguimento ata a súa resolución.

A ferramenta forma parte dunha estratexia máis ampla de dixitalización municipal, iniciada hai anos, co obxectivo de ofrecer servizos públicos máis accesibles, eficaces e transparentes.

“Esta forma de participar é xa unha parte esencial da vida diaria en Tomiño”, sinala a alcaldesa, que anima a toda a veciñanza a seguir utilizando a aplicación “para manter unha comunicación fluída, compartida e en tempo real co Concello, que permite coñecer mellor as necesidades de cada parroquia e actuar con maior rapidez”.

Publicacións Relacionadas