O vindeiro sábado 17 de xaneiro no pavillón de Goián
O Concello de Tomiño acollerá o sábado día 17 de xaneiro unha nova edición do Campionato Galego Absoluto de Taekwondo na modalidade de Combate, que se desenvolverá durante toda a mañá no Pavillón de Goián.
A competición reunirá os mellores deportistas da nosa comunidade, convertendo o municipio nun referente do taekwondo galego e ofrecendo ao público a posibilidade de achegarse e desfrutar en directo dun deporte que destaca polos seus valores de respecto, disciplina e superación.
O evento foi presentado no Concello de Tomiño nun acto no que participaron Esperanza Meilán, vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo; Xerome Morell, en representación das empresas colaboradoras; Raquel Morell, deportista do club Kae Sport e segunda do ranking galego; Adrián Dávila, membro das seleccións galega e española de taekwondo; e Carlos Álvarez, director deportivo do club Kae Sport e organizador principal do evento.
Por parte do Concello asistiron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o concelleiro de Deportes, Rubén García, que subliñaron a importancia de acoller eventos deportivos deste nivel e animaron á veciñanza a asistir para coñecer e desfrutar dunha competición única e dunha mañá de deporte de alto nivel, nunha cita que ofrece a oportunidade de achegarse ao taekwondo, coñecer os seus valores e vivir en directo a intensidade dunha das disciplinas con maior proxección deportiva. Ademais, vivirase a emoción do combate e apoiarase tanto o deporte galego como o talento local.



