Concello e RC Celta asinan un convenio de colaboración para celebrar o primeiro Clinic de Nadal no municipio
Prazas dispoñibles para vivir unha experiencia deportiva única
As vacacións de Nadal convértense en Tomiño nunha oportunidade para aprender, facer amizades e crecer a través do deporte. O Concello vén de asinar un acordo de colaboración co RC Celta para celebrar o primeiro Clinic de Nadal no municipio, unha proposta pensada para nenos e nenas que queiran aproveitar estes días dun xeito activo, divertido e formativo e para a que aínda quedan prazas dispoñibles.
A actividade desenvolverase os días 22, 23, 24 e 26 de decembro de 09.30 a 14.00 horas e permitirá ás e aos participantes adestrar en distintos campos de fútbol do concello, coñecendo así as instalacións deportivas locais do Alivio, do Lito Oliveira e da Carballa mentres desfrutan dunha programación deseñada por profesionais cualificados do club vigués. Adestramentos adaptados ás idades, xogos, dinámicas de grupo e momentos de convivencia conforman unha experiencia que vai máis alá do deportivo.
A alcaldesa de Tomiño destacou que este clinic “é unha oportunidade magnífica para que os nosos nenos e nenas vivan o deporte con ilusión, aprendan valores como o compañeirismo e o esforzo e, ao tempo, desfruten do Nadal dun xeito saudable”. Ademais, subliñou que esta iniciativa “forma parte dunha aposta decidida do Concello por ampliar as oportunidades de lecer educativo e deportivo para a infancia e a mocidade”.
O Concello mantén tamén o seu compromiso co deporte base local facilitando condicións económicas especiais para os rapaces e rapazas federados nos clubs do municipio, co obxectivo de garantir un acceso máis igualitario a este tipo de actividades. Todos os nenos e nenas federados nos clubs do Concello (AD Tomiño, Tomiño FC, Goián CF e Tomiño FC Feminino) poderán beneficiarse dun desconto do Celta por club conveniado, reducindo o prezo inicial de 105 € a 94,50 €. Ademais, o Concello de Tomiño sumará un desconto adicional de 15 €, deixando o prezo final en 79,50 € para todos os rapaces federados no Concello.
As inscricións continúan abertas, aínda que as prazas son limitadas, polo que desde o Concello animan ás familias interesadas a formalizar canto antes a participación a través da web da Fundación RC Celta. Unha vez feita a compra na web oficial da Fundación RC Celta, como confirmación recibirase un correo electrónico co enlace para acceder ao formulario de datos, que debe completarse correctamente para que a inscrición quede validada.



