O departamento de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, comezou os traballos de acondicionamento no camiño Torreiro do Viso. As obras consistirán na canalización das augas pluviais da zona, que agora sofren asolagamentos cando se rexistran precipitacións de xeito continuado. Villar explica que unha vez rematada a actuación “evitaranse esas inundacións, tanto no propio torreiro da festa como en varias vivendas da contorna que se vían afectadas polos asolagamentos”. Os traballos estarán rematados no prazo de dúas semanas, se as condicións meteorolóxicas o permiten.
Obras de asfaltado en Vilar
Comezan as obras de asfaltado no camiño da Chousa, en Vilar. O vial estará cortado ao tráfico a partir do luns, día 23, para permitir o traballo da maquinaria. As obras comezaron previamente co fresado do antigo pavimento, que agora será substituído por un novo firme. O concelleiro Roberto Villar sinala que desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade “estase a avanzar na reparación e mellora das estradas e camiños do municipio, e o obxectivo é seguir nesta liña tanto con fondos propios do Concello como doutras administracións”.

