HomePontevedraO CondadoTras 25 anos de esquecemento o concello de Ponteareas asfalta as rúas...

Tras 25 anos de esquecemento o concello de Ponteareas asfalta as rúas Amieiros, Lavandeiras e Mimosas

- Anuncio -spot_img

“Logo de 25 anos no esquecemento executamos o asfaltado das rúas Amieiros, Lavandeiras e Mimosas, unha intervención que xa non podía esperar máis ante o mal estado do pavimento”, explicou Juan Carlos Glez. Carrera, tenente de alcaldesa do Concello de Ponteareas.

Deste xeito, o Concello de Ponteareas mellora o acceso ás vivendas dunha zona na que residen preto de 300 veciñas e veciños, poñendo fin a décadas de reclamacións veciñais e mellorando notablemente a seguridade e comodidade da circulación tanto de vehículos como de peóns.

Os traballos, executados nas últimas semanas, consistiron na renovación integral do firme, coa aplicación dunha nova capa de aglomerado asfáltico e a corrección das pendentes para facilitar a drenaxe da auga. Nos vindeiros días procederase ao pintado e sinalización destas rúas.

“Esta actuación forma parte do plan de mantemento e mellora de vías municipais que estamos desenvolvendo en todo o termo municipal, priorizando aquelas zonas que levaban máis tempo sen intervención”, sinalou Glez. Carrera, quen destacou que o Concello “segue a apostar por unhas infraestruturas dignas e seguras para toda a veciñanza, sen importar o lugar onde viva”.

O tenente de alcaldesa agradeceu ademais a colaboración e paciencia da veciñanza durante as obras, lembrando que “cada mellora destas contribúe a facer de Ponteareas un lugar mellor para vivir”.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro quixo salientar na necesidade de modernizar os servizos e ofrecer infraestruturas de calidade e adiantou que o Concello xa se atopa inmerso nun proceso de mellora e embelecemento de rúas, prazas e espazos públicos que fagan máis agradable o día a día das veciñas e tamén máis atractiva a vila e as 23 parroquias, un xeito indispensable para dinamizar a economía e vida social.  

Publicacións Relacionadas