HomeVigoPazos de BorbénTregua nas mobilizacións pola EP-2702 coa mediación do alcalde de...

Tregua nas mobilizacións pola EP-2702 coa mediación do alcalde de Pazos de Borbén

- Anuncio -spot_img

Luciano Otero lidera unha mediación que  permite unha tregua de 3 meses para avanzar  na execución do proxecto de mellora desta  estrada clave para a comunicación de Pazos de  Borbén. 

O Concello de Pazos de Borbén informa de que na tarde de onte o alcalde,  Luciano Otero, mantivo unha reunión coa Plataforma pola estrada EP-2702  e coa veciñanza afectada, co obxectivo de mediar entre a Deputación de  Pontevedra e a propia Plataforma. Esta mediación busca avanzar na  execución do proxecto de mellora desta vía, esencial para a comunicación  entre Amoedo e Os Valos e cuxo primeiro tramo xa está asinado e  comprometido pola Deputación. 

A EP-2702 é unha estrada clave para Pazos de Borbén e outros concellos do  interior da comarca, ao ser unha das dúas saídas principais cara a N-550. Nas  últimas semanas, a Plataforma pola Mellora da EP-2702 incrementou as súas  mobilizacións para esixir que se liciten xa as obras da primeira fase que  abarca o tramo desde o cruce de Os Valos ata o cruce da igrexa de Nespereira.  E, sobre todo, para demandar un compromiso claro da Deputación para  acometer a mellora da totalidade dos 8 quilómetros que conforman a vía sen  perder máis tempo. 

Ante esta situación, o alcalde Luciano Otero deu un paso ao fronte e, tras  manter un encontro cos veciños e veciñas, conseguiu alcanzar un acordo. Na  reunión celebrada onte decidiuse establecer unha tregua de 3 meses nas  mobilizacións, ofrecendo á Deputación de Pontevedra un voto de confianza  para que cumpra co compromiso de iniciar as obras do primeiro tramo.  Agárdase, tamén, que a Deputación valore este xesto e inicie un diálogo coa  Plataforma e Concello para poñerlle data ás actuacións necesarias para os seguintes tramos.

Unha estrada clave e unha reivindicación histórica 

A EP-2702 soporta un alto volume de tráfico, especialmente de transporte  pesado, debido á prohibición de paso de camións polo núcleo de Redondela.  Esta situación incrementou a perigosidade da vía, que presenta numerosas  curvas, ausencia de espazos para peóns e un ancho insuficiente para o tráfico  actual. Esta realidade, sumada ao tránsito diario de autobuses escolares,  motivou as mobilizacións da veciñanza nos últimos meses. 

O alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, salientou a importancia deste  acordo: “Dende o Concello sempre apostamos polo diálogo e a colaboración.  Esta tregua é un xesto cara a Deputación, agardamos que o Presidente teña  altura de miras e saiba aproveitalo. Pedimos o que é de sentido común, que a  Deputación cumpra co seu deber e as obras se inicien canto antes. Durante  estes tres meses seguiremos atentos, traballando para que as actuacións se  executen no menor tempo posible e para que a mellora da estrada sexa  integral e non se limite só ao primeiro tramo.” 

O Concello de Pazos de Borbén comprométese a seguir mediando entre a  Deputación e a veciñanza, garantindo que as demandas da cidadanía se  escoiten e se respecten. O acordo de tregua non impide a realización de novas  reunións coas persoas afectadas, que seguirán organizándose para supervisar  o cumprimento dos compromisos adquiridos. 

Compromiso para o futuro 

Dende o Concello de Pazos de Borbén, o alcalde Luciano Otero reitera a súa  disposición a continuar traballando a prol da veciñanza e destaca a  importancia de manter o diálogo aberto e construtivo. Este acordo representa  un paso importante, pero o Concello será firme na esixencia de que as  actuacións se executen de forma completa e dentro dos prazos establecidos.

Publicacións Relacionadas