Este ano celebrarase sábado, domingo e luns. Coma novidade incorpora unha ruta cabalar
Tui vivirá esta fin de semana unha nova edición da Concentración Cabalar de San Telmo que conta cunha tradición secular, e que este ano amplía a súa duración a tres días. O evento, organizado conxuntamente polo Concello de Tui, Equigalia e Hípica Marcos, deu dende hai uns anos un importante salto en calidade tanto nas condicións do recinto no barrio de San Bartolomeu onde se celebra, coma no programa de actividades previsto.
O programa comeza este sábado, 24 de abril, ás 16 h co Concurso de Salto Hípico “Cidade de Tui” organizado polo Club Hípico Equigalia. Agárdase a participación de medio centenar de xinetes e amazonas de diferentes clubs hípicos nas distintas modalidades: barritas, cruzadas 0,50, 0,80 e 1 metro.
Xa o domingo o programa comeza cunha das novidades deste ano, será unha Ruta Cabalar Gratuíta que irá até o centro urbano, o conxunto histórico e a beira do río percorrendo os camiños agrícolas. É preciso inscribirse no Whatsapp 639 109 378. Outra das actividades da programación dominical, ás 17 h, será o Concurso Exhibición de Enganches, único destas características que se celebra nas Rías Baixas, e no que está confirmada a participación do campión de España de 2023.
O programa do domingo pecharase, ás 19 h, co espectáculo ecuestre de Miguel Da Fonseca con exhibición de doma e arte ecuestre. Volverá actuar o luns ás 13.30 h.
O luns, festivo local en Tui, será o día grande da Concentración Cabalar de San Telmo. Dende primeira hora comezará a actividade de compra e venda de gando en San Bartolomeu. A partir das 10 h haberá exhibición libre de andadura con serrada, chapeada e trotadores, para a que é preciso inscribirse previamente. Unha hora despois comezará o Reality Show Ecuestre Libre no que, previa inscrición, se da a oportunidade de xinetes e amazonas de amosar a súa destreza do cabalo. A continuación darase paso á presentación do Cabalo Galego.
Un ano máis outorgaranse premios á mellor presentación, xinete, amazona, cabalo, poni, carruaxe, burro, mula, xinete e amazona máis novos que participen na feira. Do mesmo xeito que se recoñecerá aos tratantes co máis cabezas de burros, ponis e cabalos. Non faltarán as xincanas ou o xantar popular.
Nesta xornada, na que coma cada se agardan a miles de persoas na concentración, o programa pecharase co concurso exhibición de arrastre, ás 18.30 h, e o espectáculo ecuestre Aires de Romero, ás 19.30 h.
O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, convida acudir á Concentración Cabalar de San Telmo, destacando como neste evento “cada ano se pon o listón máis alto”. Lembra coma en Tui e en toda a zona hai moita afección ao mundo ecuestre, agardando que o público poida disfrutar do amplo programa previsto.