HomePontevedraBaixo MiñoTui conta co orzamento máis alto da súa historia por importe de...

Tui conta co orzamento máis alto da súa historia por importe de 12,36 millóns de euros

- Anuncio -spot_img

A entrada en vigor das contas municipais permite viabilizar subvencións doutras administración por valor de 500 mil euros

O Concello de Tui ten xa en vigor o orzamento máis alto da súa historia por importe de 12.368.603,43 €.  O pasado venres publicouse no Boletín Oficial da Provincia o Presuposto, Cadro de Persoal e as súas Bases de Execución para o exercicio 2025.

Os orzamentos aprobáronse inicialmente vinculados a unha cuestión de confianza presentada polo alcalde, tras ser rexeitadas as contas en pleno.  Tras a exposición ao público foron aprobadas definitivamente.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a importancia da aprobación das contas de 2025 xa que permitirán  “poder viabilizar todas as subvencións pendentes doutras administracións, principalmente da Xunta, que precisan aporte municipal e cuxas partidas ían xa recollidas nestes orzamentos”.

Por outra parte, coa entrada en vigor deste documento comezou a tramitación das axudas para entidades culturais e deportivas, recollidas tamén nestes novos orzamentos, e que rexistran un incremento con respecto ao que estaba anteriormente en vigor. Sobre esta cuestión o rexedor tudense indica que “estamos xa neste momento procedendo a súa tramitación para que os beneficiarios poidan obter as prestacións que lle corresponden polo desenvolvemento das súas actividades”. Así conclúe Enrique Cabaleiro, que a aprobación dos orzamentos  era importante para “poder garantir a prestación tanto destes coma doutros servizos públicos cuxas partidas estaban xa recollidas nos mesmos”.

Por outra parte o alcalde, Enrique Cabaleiro, avanza que levan xa semanas traballando no borrador dos orzamentos de 2026, indicando que a intención do goberno municipal de poder levar este documento a oposición a comezos de outubro para establecer unha negociación, e poder levalo logo a pleno para a súa aprobación en novembro.

Publicacións Relacionadas