HomePontevedraBaixo MiñoTui inicia mañá venres o seu “Camiño de Nadal” que convida a...

Tui inicia mañá venres o seu “Camiño de Nadal” que convida a percorrer a cidade  nestas festas

- Anuncio -spot_img

O acto simbólico de acendido da iluminación será mañá ás 18.30 h dende o Palco da Música con A Fada do Aloia

Tui comeza mañá venres un novo Camiño de Nadal, un itinerario de luz, tradición e ilusión compartida que, até o 6 de xaneiro, transformará a cidade cunha coidada decoración, iluminación, e unha programación ampla e diversa para todas as idades.

A Fada do Aloia, acompañada por elfos e nenos e nenas será a encargada, ás 18.30 h, dende o Palco da Música, no Paseo da Corredoira, de  acender as 504.346 lámpadas LED e os 5.593,97 m² de elementos luminosos de baixo consumo, que iluminarán as rúas e prazas da cidade e as entradas a cada parroquia, o oso de luz situado na praza da Inmaculada, e  o cedro natural de 30 metros do cruzamento entre a Corredoira, Maristas e a Avenida da Concordia.  A maxia posibilitará que unha fina neve outorgue un ambiente ao máis estilo centro europeo á praza da Inmaculada, que neste Nadal será o punto onde confluirán todos os camiños.

Nese Camiño de Nadal ocupa lugar destacado o Mercado de Nadal, que este ano crece até os 25 postos, entre casetas de madeira e furgonetas gastronómicas, distribuídos na parte peonil do Paseo da Corredoira e na praza da Inmaculada.  A poucos metros mañá será inaugurado tamén o Belén de Mingos na Oficia de Turismo.  Preto de catorce metros cadrados de creatividade e artesanía nos que se distribúen as máis de 300 pezas que recrean as distintas escenas, moitas delas con movemento.

A solidariedade estará tamén presente nesta programación coa Árbore dos Desexos, situada no corazón do Nadal tudense, na praza da Inmaculada, nunha iniciativa de Miguel Veiga, en colaboración co Concello de Tui e SOS Tomiño-Baixo Miño que volverá facer realidade os soños dos nenos e nenas das familias de SOS Tomiño-Baixo Miño.   

A rondalla tudense O Mosteiro de Pexegueiro abrirá  o camiño musical actuando este sábado ás 18 h no Paseo da Corredoira.

O Concello de Tui convida a percorrer este Camiño do  Nadal dende mañá venres co  acendido da iluminación e a realización das primeiras actividades dun amplo programa que na súa totalidade se dará a coñecer nos próximos días.   

Publicacións Relacionadas