HomePontevedraBaixo MiñoTui investiu máis de 175 mil euros na mellora do pavillón do...

Tui investiu máis de 175 mil euros na mellora do pavillón do CEIP de Randufe

- Anuncio -spot_img

Veñen de rematar as obra de mellora da salubridade e consumo enerxético que suman as de substitución da cuberta e mellora da ventilación realizadas anteriormente

O pavillón municipal de Randufe presenta unhas condicións óptimas para o inicio do novo curso escolar, e da nova temporada competitiva tras as obras de mellora e acondicionamento acometidas polo Concello de Tui ao longo dos últimos meses que supuxeron un investimento de 176.859,01 €.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, visitaron esta mañá ás instalacións onde, xunto coa directora do CEIP de Randufe, o arquitecto que elaborou o proxecto, o responsable da empresa construtora, e técnicos municipais comprobaron as melloras realizadas.

Por unha parte un dos obxectivos da actuación realizada foi resolver os problemas de humidade e condensación que rexistraba esta instalación. Para iso realizáronse traballos de escavación de terras no perímetro da edificación, ata  alcanzar a cota de apoio das zapatas da edificación. Por outra parte foron impermeabilizados todos os muros, e realizouse un sistema de drenaxe perimetral e un sistema de canalización enterrada para a recollida das augas pluviais.

Outro dos obxectivos das obras foi incrementar a eficiencia enerxética do pavillón para o que foron colocadas luminarias de campá de tecnoloxía led que substituíron as de halóxenos metálicos existentes.  O investimento para esta mellora da salubridade e consumo enerxético sumou 70.977,78 € financiados con cargo ao Plan Máis Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra.

Previamente o Concello de Tui investiu 105.881,23€, financiados a través do Plan Extraordinario de infraestruturas Deportivas da Deputación, para a substitución da cuberta do pavillón, a colocación de reixas de ventilación de lamas horizontais, e a substitución dos canlóns por uns novos de aceiro prelacado, e das baixantes por unha novas metálicas de aceiro, que foron colocadas polo exterior da edificación.

Deste xeito o Concello de Tui continúa o seu traballo para que as instalacións deportivas municipais estean nas mellores condicións tanto para o uso escolar coma por dos clubs que adestran e compiten nas mesmas.

Publicacións Relacionadas