Tui prepárase para vivir a Semana Santa pondo en valor o seu patrimonio histórico e cultural. Esta mañá na casa do Concello presentouse a programación que se vai desenvolver dende este domingo 22 de marzo até o domingo 5 de abril.
Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla; o prior da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, párroco de Tui e cóengo da Catedral, D. Santiago Freire Comesaña; o presidente da Asociación de exvoluntarios de Protección Civil de Tui – Cristo da Agonía, Juan José Sio Castro; e o representante da Asociación Amigos da Catedral, Xosé María Lores Pérez.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, destacou que os actos da Semana Santa en Tui “transcenden a dimisión espiritual” sinalando que “supoñen unha posta en valor do noso patrimonio e da nosa cultura”. Destacou amais que este ano contan con máis transcendencia co gallo do oitavo centenario da consagración da Catedral de Tui.
No mesmo senso se pronunciou a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destacando o apoio que dende o Concello de Tui se realiza da promoción da programación prevista coa edición dun folleto informativo, cunha tirada de mil exemplares, no que “se da a coñecer o patrimonio, a cultura e a tradición, co obxectivo de manter unha tradición secular”.
O prior da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, párroco de Tui e cóengo da Catedral, D. Santiago Freire Comesaña, destacou que “a Semana Santa de Tui cobra cada ano maior esplendor”.
Na presentación participou tamén Xosé María Lores, en representación da Asociación Amigos da Catedral, que en 2012 estableceu a iniciativa de contar cun pregón da Semana Santa. Daquela a encargada da lectura fora a profesora Marta Cendón, e este ano volve ser unha muller, a xornalista Eva González, a que dará lectura ao mesmo este domingo 22 de marzo ás 18 h na capela das Reliquias na Catedral.
Interveu tamén o presidente da Asociación de exvoluntarios de Protección Civil de Tui – Cristo da Agonía, Juan José Sio Castro, que sinalou que este colectiva leva 34 anos portando a imaxe do Cristo da Agonía nos actos da Semana Santa tudense.



