Do 25 de febreiro ao 1 de marzo celebraranse as Xornadas sobre este egrexio tudense
Dende o próximo martes 25 de febreiro e até o sábado 1 de marzo o Concello de Tui organiza unha nova edición das Xornadas Rosendo Salvado dedicadas á reivindicación do excepcional legado que este egrexio tudense ten aportado ao longo da súa vida. Lembrando a data do seu nacemento o 1 de marzo de 1814 este ano celébrase cuarta edición destas xornadas que reunirán en Tui a diversos especialistas na vida e obra do beneditino tudense e fundador da abadía de Nova Nursia na Australia occidental.
A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, explica que a figura do tudense Frei Rosendo Salvado Rotea (1814-1900) é unhas das personalidades tudenses de maior proxección, interese e actualidade. A súa traxectoria atinxe a numerosos aspectos, dende a súa dimensión como misioneiro nas terras de Australia, a súa faceta como músico, investigador etnográfico ou naturalista, o seu labor de promoción da multiculturalidade ou dos dereitos humanos como defensor da existencia dunha única raza humana… Estes son aspectos sobre os que cómpre afondar para divulgar a súa obra e traxectoria e contribuír a promoción da súa figura e da nosa cidade.
O programa deste 2025 comezará o próximo martes, 25 de febreiro, ás 19.30 h no novo espazo sociocultural da rúa Camilo J. Cela coa conferencia “A viaxe infinita de Rosendo Salvado” a cargo de Valentín Carrera, xornalista e director da serie documental sobre Salvado. Na mesma Valentín Carrera ofrecerá o relato da súa experiencia sobre o descubrimento e fascinación arredor da figura de Rosendo Salvado ao tempo que revisará o proceso de produción da serie documental que ten dirixido sobre este persoeiro tudense.
No mesmo espazo sociocultural da rúa Camilo J. Cela o mércores, 26 de febreiro, ás 19.30 h terá lugar a conferencia de Xoán M. Carreira e Maruxa Baliñas: “Salvado y la Sociedad Filarmónica de Perth”. Xoán Manuel Carreira e Maruxa Baliñas son dous afamados musicólogos galegos, editor e directora respectivamente do diario musical “Mundoclásico”, ambos teñen estudado en profundidade a traxectoria musical de Rosendo Salvado, con especial incidencia nos fontes australianas e nos ofrecerán unha visión do labor musical de Salvado en Perth.
Xa o xoves, 27 de febreiro, ás 19.30 h a cita será na Casa de Galicia de Madrid coa presentación e estrea da serie documental “Rosendo Salvado, aventura e misión dun galego en Australia” dirixida por Valentín Carrera. No acto estará presente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.
O programa rematará o sábado, 1 de marzo, data do CCXI aniversario do nacemento de R. Salvado en Tui. Ás 11.30 h dende a praza de San Fernando cunPaseo “Salvadiano” no que se realizará un percorrido polo lugares vinculados a Rosendo Salvado. Rematará, ás 12.30 h, coa colocación dunha coroa de loureiro na casa Natal de Rosendo Salvado, na rúa que leva o seu nome.
Estas novas “Xornadas “Rosendo Salvado” dan continuidade a anteriores edicións que teñen contado coa presenza de destacado poñentes como o profesor Gulio Cipollone, da Pontificia Universidade Gregoriana de Roma, a profesora da Universidade da Coruña, María José Lorenzo Modia, o profesor da Universidade de Vigo, Albino Prada Blanco, o embaixador de España Enrique Viguera ou o catedrático da Universidade de Santiago Francisco Díaz Fierros.