– O Concello de Redondela prepara para o 31 de outubro un amplo programa de actividades para todos os públicos con obradoiros de cabazas, maquillaxes terroríficas, túnel do terror no paseo do Pexegueiro e o espectacular pasarrúas “Errantes” de Troula Animación. Todas as actividades son de balde.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que se trata dunha xornada de festa con actividades para nenos e nenas, pero tamén para a mocidade e adultos. A programación repártese en diferentes localizacións como o Multiúsos de Chapela, o Multiúsos da Xunqueira, o paseo do Pexegueiro e un espectáculo itinerante polo centro da vila.
Redondela celebra o venres 31 de outubro, véspera de Defuntos, a festa do Samaín. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, foron as encargadas de presentar a programación no paseo do Pexegueiro, xunto a parte do elenco que participará nas actividades. Rivas explicou que a programación organizada polo Concello “está pensado para todos os públicos e haberá actividades en diferentes localizacións como o Multiúsos de Chapela, o Multiúsos da Xunqueira, o paseo do Pexegueiro e as rúas do centro da vila”. Ademais, todas as actividades son de balde.
Os máis pequenos poderán gozar tanto en Redondela como en Chapela dos obradoiros “Fai a túa cabaza” e “Maquillaxe e tatuaxes de terror”. Os tallares serán nos Multiúsos da Xunqueira e do Piñeiral de 17:00 a 20:00 horas. A concelleira, Rita Pérez, explica que nenos e nenas “poderán deixar voar a súa imaxinación e crear as súas propias cabazas de Samaín para levar a casa como un recordo desta noite tan especial”. Nos talleres de maquillaxe os pequenos artistas poderán transformarse en criaturas aterradoras coa axuda de maquilladores expertos, que lles darán trucos e técnicas para un resultado “aterrador”.
O paseo do río Pexegueiro transformarase nun Túnel do Terror desde as 18.30 até as 21.30 horas. Os máis atrevidos poderán experimentar un mundo de misterio, suspense “e moitos sustos”. Haberá sorpresas ao longo da ruta con personaxes e criaturas misteriosas. Pérez Táboas advirte que se trata dunha experiencia “intensa” dirixida a público a partir dos 12 anos ou menores acompañados dun adulto. Aconséllase acudir cunha lanterna.
As rúas do centro da vila transformaranse nun gran escenario para acoller o espectáculo itinerante “Errantes”, de Troula Animación. Orcos, trolls e bestas saídos da máis profunda escuridade dos tempos desfilarán pola vila transportando nunha gaiola o “Orlok” . A pirotecnia, os fachos e o fume, xunto coa percusión do pasarrúas, farán vivir ao público sensacións “terroríficas”. A asombrosa comitiva partirá da Praza de Ribadavia ás 19:30 horas.
Como novidade, este ano a festa rematará co rito ancestral de queimada “Belenus”. Será na Praza do Concello ás 20:30 horas. O lume e a música servirán para invocar aos espíritus e librarnos de todo mal a través da cerimonia da Queimada na que non faltarán bruxos e meigas cun espectáculo cheo de paixón, sentimento e lume!!!



