A alameda de Castelao acolle este xoves e venres aos nenos e nenas dos colexios de Educación Primaria e Infantil de Redondela no desenvolvemento do proxecto de dinamización da escritura e a literatura na infancia, “Espallar Tinta”.
O Concello de Redondela colabora co CEIP plurilingüe de Cedeira e a Biblioteca Municipal na organización do proxecto “Espallar Tinta” que terá lugar na Alameda de Castelao durante o 29 e 30 de marzo.
Espallar Tinta recolle durante dous días os proxectos de máis de 1200 nenos e nenas dos distintos cursos dos colexios de Educación Primaria e infantil do municipio para presentar a modo de feira de escritura as súas producións escritas (noticias, contos, poemas, regueifas…). Un xeito de empoderar á infancia e dar visibilidade a todo aquilo que escriben e queren compartir.
Para a alcaldesa Digna Rivas “é moi importante aportar espazos ao aire libre e abertos ao público onde os nenos e nenas poidan expresarse con seguridade e ensinar o seu traballo. Esta é unha mostra de valoración e de dinamización da lingua galega e a escritura entre os máis pequenos e pequenas”.
Ademais, o evento ten a intención de unir as institucións e escolas en prol da escrita, da literatura e da infancia. O Concello de Redondela aportará os stands e todo o mobiliario que precisen para as exposicións, así como o traballo de organización xunto coa profesora Jessica Rodriguez Piñeiro do CEIP de Cedeira a quen Rivas “agradece o seu traballo na organización dun evento desta magnitude” e confía “en seguir colaborando en máis proxectos, porque para este goberno é moi importante manter unha boa relación coas institucións educativas”.