HomePontevedraBaixo MiñoUn monte cheo de historias ocultas nunha nova ruta patrimonial por Tebra...

Un monte cheo de historias ocultas nunha nova ruta patrimonial por Tebra e Pinzás

- Anuncio -spot_img

A segunda andaina do ciclo ‘As pegadas do pasado e do presente’ de Tomiño será este sábado 19 de xullo con saída ás 10.00 horas dende a capela de Grixó

Hai lugares cotiás que agochan séculos de historia baixo os pés. Este sábado 19 de xullo, o Concello de Tomiño convida á veciñanza a participar na segunda ruta do ciclo ‘As pegadas do pasado e do presente’, unha iniciativa coa que afondar na identidade do municipio a través de camiñadas únicas polas parroquias.

Baixo o título ‘Sabías que… o monte era máis que un piñeiral?’, esta segunda parada levará ás persoas participantes por un percorrido revelador a través de Santa María de Tebra e Pinzás. A saída será ás 10.00 h dende a capela de Grixó, e durante dúas horas descubriranse espazos e relatos que explican o pasado e o presente do territorio.

As rutas están guiadas pola historiadora Natalia Jorge e non precisan inscrición previa nin teñen límite de prazas. Contarán con diferentes paradas en puntos clave, nas que se afondará en historias e curiosidades que axudan a comprender mellor o territorio e a súa evolución.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima á veciñanza a sumarse a esta actividade e salienta a importancia de “redescubrir o que temos máis preto, o que nos conforma como comunidade e nos permite proxectar o futuro con orgullo e identidade”.

O ciclo ‘As pegadas do pasado e do presente’ continuará con dúas novas andainas o sábado 9 de agosto por Tomiño e Estás e o 23 de agosto en Goián, ofrecendo unha oportunidade única de coñecer o concello dun xeito diferente, camiñando sobre as raíces que sustentan a súa cultura e patrimonio.

Información completa das rutas na web do Concello.

Publicacións Relacionadas