HomePontevedraCampo LameiroUn novo impulso para Campo Lameiro

Un novo impulso para Campo Lameiro

- Anuncio -spot_img

Belén Búa Seijo, candidata do BNG á alcaldía de Campo Lameiro

O BNG de Campo Lameiro escolleu a Belén Búa Seijo como candidata á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. Belén Búa é veciña da parroquia das Fragas, ten 26 anos e é técnica de Guía no medio natural. É unha muller comprometida coas causas xustas e que asume esta responsabilidade con valentía e co obxectivo de facer que Campo Lameiro cambie a súa dinámica, deixe de esmorecer e se converta nun concello vivo e atractivo.

“Estou moi ilusionada con este reto persoal e colectivo. Quero moito a Campo Lameiro e quero facer todo o que estea na miña man para facer que mellore e que avance, porque estamos nunha situación na que en Campo Lameiro xa non hai futuro para a xente moza e entre todos temos que dárlle a volta e recuperar a ilusión a vitalidade do noso concello”, sinalou Belén Búa.

O BNG sairá a por todas nestas eleccións municipais, con humildade, convencidas e convencidos de que é posible acadar uns resultados históricos que confirmen o fin de ciclo do Partido Popular, abrindo un tempo novo de ilusión e esperanza. Porque Campo Lameiro merece moito máis que un goberno canso e esgotado que non lle fai frente aos grandes problemas que lle afectan, como son o despoboamento, o avellentamento da poboación ou a falta de oportunidades para a xente moza.

O BNG presenta un equipo capacitado e comprometido, cun gran proxecto para construír o Campo Lameiro do futuro. Un proxecto aberto a toda a veciñanza, que aposte pola transparencia e a participación veciñal na vida política, un proxecto que traia novamente a esperanza e que permita que Campo Lameiro pase a páxina do Partido Popular e que avance cara o futuro.

Publicacións Relacionadas