HomeO MorrazoMarínUn Parque da Natureza e novas rutas de cicloturismo: as dúas licitacións...

Un Parque da Natureza e novas rutas de cicloturismo: as dúas licitacións abertas para seguir poñendo en valor o Lago Castiñeiras

- Anuncio -spot_img

As dúas licitacións, das últimas que entrarán dentro do Plan de Sostibilidade Turística de Marín, suman unha inxección económica na zona de 164.781,39 euros.

Potenciar o bosque atlántico galego, revalorizar o entorno fluvial coa creación dun estanque para anfibios, fomentar a plantación de árbores froiteiras e reabrir un novo miradoiro na zona de Santomé de Piñeiro.

Estes son os obxectivos principais que persegue o proxecto de impulso do Parque da Natureza, unha aposta clara do Concello no Lago Castiñeiras e que se complementa co resto de iniciativas despregadas no entorno dentro do Plan de Sostibilidade Turística de Marín.

Son precisamente estes fondos os que financiarán a actuación, que ten aberta a licitación por un importe de 115.314,45 euros, e que ten aberto prazo de presentación de ofertas ata o 6 de abril.

Tal e como se pode ler no proxecto técnico, plantéxase unha especie de ecosistema de bosques, como illas temáticas sobre as que se actuará:
● O Bosque Galego. Unha aposta pola reforestación autóctona para a mellora do sotobosque, eliminando especies invasoras.
● O Bosque da Auga, no que se plantarán frondosas típicas dos bosques fluviais e se creará un estanque para anfibios, que potencie a riqueza da fauna da contorna.
● O Bosque de cidadáns. Ampliarase o parque infantil con elementos de xogo relacionados coa trepa, a escalada… seguindo un concepto de multiaventura.
● O Bosque comestible, mediante a plantación de árbores froiteiras autóctonas galegas (maceira, pereira, ameixeira), herbas mediciñais e aromáticas.
● O Miradoiro de Castiñeiras. Acondicionarase este palco desde o que se ten unha espectacular panorámica da ría, así como o sendeiro de acceso e a zona anexa de estacionamento. Tamén se colocarán banquiños e un columpio dobre de madeira.
● A Mámoa de Pedralonga. Protexerase e porase en valor esta peza de patrimonio arqueolóxico coa colocación dun novo valado de protección.

O cicloturismo: outra forma de coñecer o Lago e a súa contorna

Ata o 23 de marzo, e cunha inversión de 49.466,94 euros, estará aberto o prazo de presentación de ofertas para a licitación do proxecto de creación, sinalización e promoción de rutas de cicloturismo, que tanto potenciarán os circuítos BTT como itinerarios máis familiares.

O proxecto estrutúrase en dous lotes. O primeiro céntrase na implantación de infraestruturas ciclistas de calidade, coa instalación de estacións de reparación, axuste e inflado de bicicletas en puntos estratéxicos do municipio, así como nunha completa rede de sinalización e balizamento das rutas de cicloturismo, con paneis interpretativos, balizas de madeira e sinalética integrada na paisaxe.

Todo o deseño responde a criterios de seguridade, accesibilidade, durabilidade e integración ambiental, incorporando tamén ferramentas dixitais como códigos QR para mellorar a experiencia das persoas usuarias.

O segundo lote contempla un plan integral de promoción do cicloturismo, que inclúe a produción de material audiovisual e fotográfico profesional, vídeos adaptados a distintos formatos dixitais e materiais divulgativos das rutas.

Este traballo permitirá reforzar o posicionamento de Marín como destino de referencia en turismo activo, tanto para ciclistas máis experimentados como para familias e público infantil, contribuíndo á desestacionalización e a un impacto económico máis sostido ao longo do ano.

A actuación desenvolverase arredor de tres itinerarios principais: a Ruta BTT Marín, a Ruta Familiar polo Vial de Praias e unha Ruta Kids no entorno do Lago Castiñeiras, reforzando este espazo como un dos grandes polos de lecer activo e contacto coa natureza do municipio.

Publicacións Relacionadas