HomePontevedraBaixo MiñoUn paseo polo tempo para redescubrir O Rosal paso a paso

Un paseo polo tempo para redescubrir O Rosal paso a paso

- Anuncio -spot_img

O Concello pon en marcha un novo ciclo de andainas interpretativas cunha primeira ruta polas Eiras, os petróglifos do Ghorghalado e a Capela da Madalena

Descubrir O Rosal paso a paso. O Concello abre un novo ciclo de andainas interpretativas cun roteiro que convida a descubrir a riqueza paisaxística, histórica e patrimonial do municipio a través dunha experiencia guiada e participativa.

A primeira cita deste 2026 celebrarase o vindeiro sábado 28 de marzo cunha ruta circular polo monte comunal das Eiras, un percorrido de 6 quilómetros e dificultade baixa-moderada, cun desnivel acumulado de preto de 200 metros e unha duración estimada de arredor de tres horas. A actividade está pensada para persoas cunha condición física media e sen problemas de mobilidade.

Durante o percorrido, as persoas participantes terán ocasión de visitar espazos cheos de historia e valor natural, como os petróglifos do Ghorghalado, testemuñas milenarias da presenza humana no territorio. A ruta continuará cara ao miradoiro da Capela da Madalena e ás súas emblemáticas sobreiras, descenderá ata a praia á beira do río Miño e regresará pasando pola igrexa de San Bartolomeu e polos tradicionais viñedos rosaleiros.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que estas iniciativas permiten coñecer o municipio dunha forma diferente. “Queremos que a veciñanza e as persoas que nos visitan descubran O Rosal con calma, escoitando as historias que agochan os seus camiños, a súa paisaxe e o seu patrimonio. Estas andainas son unha maneira de conectar coa nosa identidade e de valorar todo o que nos rodea”.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Deporte, José Carlos Martínez Crespo, subliñou que “estas andainas permítennos mostrar O Rosal dun xeito respectuoso e sostible, convidando a descubrir a nosa riqueza natural e patrimonial a través dunha experiencia tranquila e consciente. É tamén unha forma de promover un turismo que pon en valor a paisaxe, os camiños tradicionais e a historia que agocha cada recuncho do noso municipio”.

A actividade contará con prazas limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado na web municipal ou no Rexistro do Concello. Unha vez pechada a inscrición, as persoas participantes recibirán por correo electrónico toda a información práctica, incluíndo o punto de saída, recomendacións sobre roupa cómoda, comida e auga, así como a declaración responsable necesaria para participar.

Con este novo ciclo de andainas interpretativas, o Concello continúa apostando por un turismo sostible e de proximidade, que permite descubrir O Rosal desde dentro e valorar o seu patrimonio natural, cultural e paisaxístico.

Publicacións Relacionadas