Coa segunda edición desta actividade, o Concello ofrecerá un percorrido de 2 km con cinco paradas para reivindicar figuras femininas clave no desenvolvemento do municipio
O 8 de marzo convértese no Rosal nun espazo de memoria, recoñecemento e participación colectiva. O propio Día Internacional das Mulleres será unha xornada intensa e aberta á veciñanza que comezará coa celebración da segunda edición do Roteiro 8M, unha proposta en familia impulsada por Fogaricos e Amodo Turismo coa que se pretende poñer en valor o papel de mulleres fundamentais na historia do municipio.
O percorrido circular terá unha distancia de 2 quilómetros, dificultade baixa e contará con cinco paradas nas que se darán a coñecer as historias e o legado de mulleres que desempeñaron un papel relevante no desenvolvemento social, cultural e comunitario do Rosal. A saída será ás 10.30 h dende a Praza do Calvario e a actividade terá carácter gratuíto, aínda que será necesario realizar inscrición previa no Concello chamando ao teléfono 986 625 000.
Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, propostas como este roteiro “son fundamentais para visibilizar ás mulleres que formaron parte da nosa historia e que moitas veces non tiveron o recoñecemento que merecían. O 8M é unha oportunidade para aprender, reflexionar e participar en comunidade, reforzando o compromiso do Concello coa igualdade real”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, animou á veciñanza a sumarse a esta actividade coa que “queremos achegar a historia das nosas mulleres ás familias e ás novas xeracións. É unha maneira dinámica e participativa de reivindicar o seu legado e de seguir avanzando xuntas e xuntos na construción dun municipio máis igualitario”.
O Concello convida a toda a veciñanza a participar nesta proposta que abrirá unha xornada cargada de actividades arredor do 8 de marzo, que continuará ás 12.30 horas coa concentración institucional na mesma Praza do Calvario, seguida da inauguración da exposición de pintura do alumnado da ESO de Educación Plástica do CPI Manuel Suárez Marquier, unha mostra que visibiliza a mirada nova sobre a igualdade. Pola tarde, o Auditorio Municipal acollerá ás 19.00 horas a representación teatral de ‘Bravas’, con Isabel Risco, unha proposta escénica que mestura humor, crítica social e empoderamento feminino.



