A pantalla da Praza do Concello está apagada e a da Feira a única información que ten é a do sistema operativo que utiliza, Windows
O sistema de información de aparcadoiro intelixente xa deu mostras en máis dunha ocasión do seu mal funcionamento ao ofrecer unha información que non se correspondía coa realidad
As pantallas do sistema de aparcadoiro intelixente (smart parking) instaladas polo goberno municipal na Praza do Concello e na Praza da Feira levan semanas sen funcionar correctamente. A pantalla da Praza do Concello está apagada e a da Feira a única información que ten é a do sistema operativo que utiliza, Windows.
Ambas as dúas pantallas forman parte do sistema de información sobre o estado dos aparcadoiros públicos da vila, que se instalou en setembro de 2022 con un custo de 161.000 euros.
O sistema de información de aparcadoiro intelixente xa deu mostras en máis dunha ocasión do seu mal funcionamento ao ofrecer unha información que non se correspondía coa realidade, ao que agora hai que engadir que dúas desas pantallas están apagadas ou non proporcionan información algunha para o fin que foron adquiridas polo goberno do PP.
Desde o BNG instamos ao alcalde a dar unha explicación sobre o mal funcionamento deste sistema, supostamente intelixente, que custou 161.000 euros, que non só dá información cuestionable, cando non directamente errada, senón que dúas desas pantallas levan apagadas ou sen funcionar desde hai semanas, sen que até o momento o goberno municipal mirara de poñelas de novo en funcionamento.
Por outra parte, instamos ao alcalde a ser máis dilixente á hora de solucionar os problema dos veciños e veciñas; neste caso é imposíbel que non soubese do mal funcionamento dunha das pantallas, porque está instalada ao lado do concello. Ademais, instamos unha vez máis a ser máis escrupuloso e eficiente no gasto do diñeiro de todos e todas, xa que non é a primeira vez que o PP dilapida cartos públicos en cacharrada que ao cabo dun tempo queda obsoleta ou simplemente deixa de funcionar sen que o goberno municipal faga o correspondente mantemento.

