HomePontevedraDezaUn total de 165 exemplares de vacún frisón de seis Comunidades competirán...

Un total de 165 exemplares de vacún frisón de seis Comunidades competirán nos concursos morfolóxicos de Abanca Cimag-GandAgro

- Anuncio -spot_img

• ESTAS CITAS, A XXXI AUTONÓMICA E A XXXVI INTERNACIONAL, LEVARANSE A CABO NA ÚLTIMA XORNADA DA FERIA, O 4 DE MARZO

• NESTA EDICIÓN PARTICIPARÁN ANIMAIS DE ALTA XENÉTICA DE GALICIA, ASTURIAS, CANTABRIA, PAIS VASCO, CASTELA-LÉON E CATALUÑA

• ORGANIZADO POLA FEDERACIÓN FRISONA GALEGA (FEFRIGA) XUNTO COA FUNDACIÓN SEMANA VERDE, O PROGRAMA DESTA RAZA TAMÉN CONTARÁ CO XXXVI CONCURSO DE XÓVENES MANEXADORES E O XIV DE PREPARADORES

Un total de 165 exemplares de vacún frisón de alta xenética procedentes de seis Comunidades están inscritos nos concursos morfolóxicos desta raza na IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023. Esta celebrarase do 2 ao 4 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra).

O XXXI Concurso Autonómico da Raza Frisoa FEFRIGA´23, patrocinado por Xenética Fontao, contará cos exemplares máis destacados de Galicia. Competirán 109 reses, das cales 43 proceden da provincia de Lugo, 41 de A Coruña e 25 de Pontevedra.

Pola súa banda, o XXXVI Open Internacional da Raza Frisoa GandAgro´23 converterase unha vez máis en punto de encontro da mellor cabana bovina. Conta coa inscrición, ademais dos 109 exemplares galegos do Concurso Autonómico, doutros 20 de Cantabria, 14 de Asturias, 8 do País Vasco,13 de Cataluña e 1 de Castela-León. Suman así 165 animais rexistrados.

Premios

Os exemplares participantes competirán polos títulos de Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e polo de Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador Autonómico e Mellor Criador Internacional tanto absoluto como de xovencas, ademais de Mellor Gandería de Nova Participación.

En canto aos galardóns, os de xovenca e vaca Gran Campioa de Galicia, e tamén de Mellor Criador absoluto e de xovencas de Galicia, serán patrocinados por Xenética Fontao. Pola súa banda, o premio á vaca Gran Campioa Internacional estará patrocinado por Abanca, mentres que o de xovenca Gran Campioa Internacional estarao por Ucoga. O de Mellor Criador Internacional contará co patrocinio de Ferplan.

Organizados pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, estes concursos celebraranse o día 4 de marzo.

Xóvenes manexadores e preparadores

Ademais destas prestixiosas competicións, en Abanca Cimag-GandAgro 2023 celebrarase, tamén centrado na raza frisoa e da man de FEFRIGA, o XXXVI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, no cal o día 3 de marzo os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Mapfre patrocinará esta competición.

Por outra banda, o mesmo día, engadirase o XIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´23, patrocinado por Ferplan, no que os participantes medirán a súa destreza preparando aos animais para logo presentalos.

Publicacións Relacionadas