• A iniciativa está impulsada pola Concellería de Mocidade, dirixida por Rosa Fernández (PSdeG-PSOE), co obxectivo de dar a coñecer entre as novas xeracións oficios de gran tradición
• O departamento municipal lembra que o vindeiro domingo 19 de xuño terá lugar a última saída do programa ‘Andainas de primavera’, con destino á Senda do Barragán (Pazos de Borbén)
Un total de 89 alumnos e alumnas de 2º de ESO do IES Poio participaron ao longo deste curso nunha nova edición do programa Os Oficios. Trátase dunha iniciativa xa plenamente consolidada dentro da tempada lectiva desde hai varios anos e que está impulsada pola Concellería de Mocidade, dirixida pola socialista Rosa Fernández. A titular deste departamento municipal lembra que esta actividade impúlsase co obxectivo de ofrecer aos e ás estudantes a posibilidade de coñecer o desenvolvemento de diferentes actividades profesionais que contan cunha larga tradición, pero que nos últimos tempos cada vez contan con menos protagonismo.
As últimas sesións do programa, que se desenvolveron ao longo da semana pasada, versaron sobre o oficio de albareir@. As monitoras Pilar Campos e Gregoria Ferreira foron as encargadas de ofrecer este taller ao alumnado, no que, ademais dunha explicación teórica, tamén lles ensinaron técnicas básicas no que se refire á confección e tratamento da pel. Deste xeito, os mozos e mozas do IES puideron deseñar chaveiros de campá personalizados ao seu gusto. Nos meses anteriores, estes alumnos e alumnas de 2º de ESO tamén recibiron sesións correspondentes a outros oficios tradicionais, como son o de cesteiro ou cesteira e o de redeiro ou redeira. Rosa Fernández fai un balanzo moi positivo desta iniciativa e agradece o labor dos monitores e monitoras que as imparten, xa que “grazas a eles o alumnado amosa un gran interese por estes oficios, de maneira que conseguimos que as novas xeracións teñan coñecemento deles, a pesar de que, por diferentes razóns, cada vez contan con menos protagonismo na nosa sociedade”.
Fin do programa ‘Andainas de primavera’
Por outra banda, a concelleira de Mocidade lembra que o vindeiro domingo, día 19 de zuño, terá lugar a última sesión do programa Andainas de primavera. Trátase dunha actividade que foi organizada co obxectivo de fomentar hábitos saudables, ao tempo que se lle ofrece á veciñanza de Poio a opción de coñecer emprazamentos emblemáticos e de gran valor patrimonial e paisaxístico situados en diferentes concellos da provincia de Pontevedra. Precisamente, o pasado domingo preto de 30 persoas tomaron parte na penúltima saída, con destino á fachada litoral de Cangas do Morrazo.
A derradeira excursión será á Senda do Barragán, en Pazos de Borbén. Fernández sinala que as inscricións, que son totalmente gratuítas, poden realizarse chamando ao teléfono 986872401 ou enviando un correo electrónico a xuventude@concellopoio.org. Darase prioridade á veciñanza de Poio á hora de tramitar as reservas. Só será preciso depositar unha fianza de 10 euros, que será devolta antes da partida. A saída está prevista, como é habitual, para as 9.30, con retorno a última hora da mañá. A concelleira do Goberno local salienta a gran acollida da actividade confirma que será retomada despois do verán.