Tras varios galardóns previos acadados, entre outros, co proxecto da Escola Infantil da Veigadaña; Estefanía Grandal logra ser seleccionada entre as 12 mellores obras dos Premios COAG coa Biblioteca Mª Magdalena de Mos e clasifícase como finalista co Albergue de Peregrinos de Baiona
A Biblioteca Municipal María Magdalena de Mos, deseño da arquitecta mosense Estefanía Grandal xunto con Ludmila Castro, presentouse aos 21º Premios COAG de arquitectura na Categoría de Outros Edificios, sendo seleccionada entre as 12 mellores obras, sendo 26 obras o total de presentadas nesa categoría. Ademais a mosense da parroquia de Torroso, optou en solitario a estes premios tamén na Categoría de Deseño de Interiores co albergue de peregrinos de Baiona, co que logrou ser finalista e opta ao premio entre 40 propuestas presentadas.
A reforma integral da Biblioteca Municipal María Magdalena mos é un proxecto que propón a mellora enerxética da totalidade do edificio e a reforma integral do espazo dedicado a Biblioteca situada na primeira planta do mesmo. A edificación organízase en dúas planta seguindo unha morfoloxía rectangular e regular, trátase dun edifico tradicional, construído en 1985 con fachada de pedra da zona tipo Rosa Porriño, ventás de aluminio branco, cuberta de tella cerámica e forxados de formigón coa viga vista no exterior do edifico.
Con ela logrouse dignificar o edificio, non ocultalo, mostrar a súa forma orixinal, os seus materiais orixinais e substituír por outros máis adecuados o que consideramos que non harmonizan coa súa esencia. Partimos da limpeza da fachada de pedra, eliminando impurezas e mostrando a cara máis amable da pedra granítica, limpamos tamén o forxado de formigón visto integrándose perfectamente coa fachada de pedra. Mantéñense os ocos de fachada, levándoos ata o chan para aumentar a superficie de luz interior. Expomos un novo revestimento de taboleiros de madeira cemento para os remates, buscando un material que dese unidade ao conxunto.
A Biblioteca Municipal de Mos María Magdalena inaugurouse hai dous anos cunha ampla representación da gran familia da poeta da Louriña falecida en 2021 tras de ser obxecto dunha reforma integral que marca un antes e un despois para este edificio, pois supuxo un cambio radical no mesmo.
No acto de inauguración a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, sinalou o 18 de agosto de 2021, data do pasamento de María, como “un dos días máis tristes para Mos, para as nosas letras e a nosa cultura, para a loita municipal pola igualdade e o empoderamento feminino, xa que nos deixaba unha pioneira da literatura, unha das 3 mellores poetas galegas autodidactas, exemplo da reivindicación do papel da muller no rural, tanto no ámbito doméstico como profesional, intelectual, cultural e artístico”. “Pero deixábanos a semilliña que 3 anos despois floreceu: esta nova Biblioteca Municipal María Magdalena. Digna de levar o nome da gran muller que era María, e da que estou segura que estaría orgullosa”, concluía Arévalo.
A importante reforma integral experimentada pola Biblioteca Municipal foi posible grazas a sendas subvencións da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. A obra contou con proxecto da arquitecta mosense, con diversos premios de arquitectura, Estefanía Grandal.
Finalista co Albergue de Peregrinos en Baiona
A xa premiada polo COAG e pola Xunta de Galicia por, entre outros proxectos, o da Escola Infantil A Galiña Azul da Veigadaña; opta agora tamén a outro premio dos 21º Premios de Arquitectura do COAG, pois é finalista na Categoría de Deseño de Interiores co Albergue para Peregrinos en Baiona. O proxecto reconverteu un local comercial con uso cafetería, situado na planta baixa dun edificio de vivendas, nun albergue para peregrinos. Trátase dun espazo cunha xeometría complexa: a fronte do local mide oito metros e medio mentres que o fondo ten case vinte metros. Non se busca optimizar a capacidade do albergue, senón crear un espazo de calidade con dous dormitorios iluminados e ventilados de forma directa a través dun patio en contacto coa fachada e un gran espazo común de estar no que os peregrinos poidan interactuar e descansar intercambiando experiencias entre eles, fomentando o espírito de unidade do Camiño de Santiago.