O servizo municipal de xardinería xestiona as zonas de arboredo de Redondela en coordinación coa Estación Fitopatolóxica Areeiro, da Deputación de Pontevedra, e unha empresa especializada do sector. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que no outono realizaranse os traballos oportunos nas especies vexetais “será a partir de outubro que é cando recomendan facer o mantemento os expertos, e seguindo os criterios que establezan os informes”. O obxectivo destes traballos é manter espazos como a Alameda Castelao “nas mellores condicións de conservación, xa que actúa como pulmón verde da zona e espazo de lecer para a veciñanza”. Todas as actuacións que se están a realizar están avaladas por informes técnicos e teñen como finalidade preservar este gran patrimonio natural con todas as garantías de seguridade.
Un estudo biomecánico e fisiolóxico das árbores da alameda realizado o pasado outono obrigou a ancorar algunhas ramas, a descompactar o solo noutros casos, e a talar tres exemplares ante o risco de caída. A alcaldesa, Digna Rivas, explica a delicada situación dalgúns exemplares vén herdada de hai moitos anos “polas podas agresivas que se facían anteriormente, tal como explican os informes técnicos”.
Proliferación de pulgóns e fungos
As altas temperaturas e a ausencia de precipitacións está a incrementar a presenza de varias especies de pulgón e fungos en especies como os pradairos (plataneros). Os expertos advirten que a calor e a humidade fan proliferar estes insectos, ao tempo que diminúen os seus depredadores naturais. Non é posible facer tratamentos contra estas pragas, “que se intensifican porque as árbores están débiles debido ás podas agresivas realizadas anos atrás”, explican os expertos. Con todo, non se trata de especies que supoñan un risco para a saúde.