Un estudo biomecánico e fisiolóxico das árbores de gran porte da Alameda de Castelao recomenda actuacións en varios exemplares para mellorar o seu estado. O informe foi encargado polo Concello de Redondela a unha empresa especializada para evitar posibles riscos por roturas ou desprendementos. Nunha das árbores, un cedro de case 30 metros de altura, os expertos recomendaron a ancoraxe dalgunhas das ramas con sustentación artificial. Trátase dunha medida de seguridade que non resulta agresiva para a árbore e que é necesaria “tendo en conta que se trata dunha zona de tránsito nun espazo moi concorrido pola cidadanía”. Hoxe comezaron a realizarse estes traballos en altura, polo que se acordoou unha zona da alameda. Noutro dos exemplares, tamén un cedro de gran tamaño, realizarase a descompactación de solo para favorecer a vitalidade da árbore.
A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o obxectivo destes traballos é manter a Alameda de Castelao “nas mellores condicións de conservación, xa que actúa como pulmón verde da zona e espazo de lecer para a veciñanza”. Todas as actuacións que se están a realizar están avaladas por informes técnicos e teñen como finalidade preservar este gran patrimonio natural con todas as garantías de seguridade.