A mostra poderá visitarse no Pazo de Mos ata o 28 de decembro
O Concello de Mos inaugura este venres ás 19:00 horas no Pazo de Mos unha exposición inédita que pon en valor a riqueza patrimonial, estética e emocional das rondallas da área metropolitana, coincidindo coa celebración do Rondallas Fest e co lanzamento da película “Rondallas”.
A mostra, que conta coa colaboración das Palilleiras de Mos, poderá visitarse no Pazo de Mos ata o 28 de decembro e reúne unha colección excepcional de traxes, vestiario e elementos das 17 rondallas participantes, así como datos do seu palmarés, os premios acadados, a súa composición ou da súa fundación.
• Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas (O Porriño)
• Rondalla de Santiago de Parada de Miñor (Nigrán)
• Rondalla de Santa María de Porriño (O Porriño)
• Rondalla de Ventosela (Redondela)
• Rondalla Helios de Bembrive (Vigo)
• Rondalla Santa Eulalia de Atios (O Porriño)
• Rondalla de Guizán (Mos)
• Rondalla do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos)
• Rondalla Mosteiro de Pexegueiro (Tui)
• Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar)
• Rondalla Airiños da Lagoa de Baíña (Baiona)
• Rondalla da Asociación Veciñal Cultural e Recreativa de San Mamede de Zamáns (Vigo)
• Rondalla do Centro Social Cultural e Recreativo de Beade (Vigo)
• Rondalla do Centro Cultural e Veciñal de Valladares (Vigo)
• Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín (Gondomar)
• Rondalla da Asociación Cultural, Social e Veciñal de Herville (Mos)
• Rondalla C.R.C. Torroso (Mos)
A exposición inclúe tamén o vestiario da Rondalla O Gran Sol, creación do director Daniel Sánchez Arévalo para a película “Rondallas”, que funciona como símbolo narrativo e emocional na historia do filme.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, será a encargada de inaugurar oficialmente a mostra no Pazo de Mos, que contará tamén cun concerto de A Vacaloura Vermella, banda local que compuxo varios temas da película “Rondallas”.
Preestrea na Sala Tamberlik (Vigo)
Os materiais que compoñen a exposición poderán verse por primeira vez un día antes, no marco da preestrea oficial da película “Rondallas” que terá lugar na Sala Tamberlik, onde estarán expostos por unhas horas antes de trasladarse ao Pazo de Mos para a inauguración oficial.
O Concello de Mos convida á veciñanza e ás persoas amantes da cultura popular a achegarse a esta exposición no Pazo de Mos, que se converte nunha oportunidade única para descubrir —ou redescubrir— a evolución, o espírito comunitario e a identidade das nosas rondallas.



