O grupo amateur de teatro Denigrantes Comediantes de Nigrán estrea a súa obra teatral Te amaré hasta que te odie, o vindeiro 17 de novembro ás 19:00 h no Auditorio Municipal do Concello de Nigrán. Esta posta en escena promete facer vibrar ao público cun retrato agudo e sarcástico dos lazos afectivos. Te amaré hasta que te odie retrata, ás veces de xeito despiadado, como os vínculos poden volverse fráxiles e o cariño dexenerar en rivalidade. A través da ironía e os xiros inesperados, esta “triloxía de amores improbables” aborda situacións cotiás cun humor afiado e crítico que deixa ao descuberto a fraxilidade das emocións, en tres actos cargados dunha intensidade que desafía as convencións. Muller e filipina abre a cortina facendo que as palabras “temos que falar” cobren un novo e devastador sentido. Sopa de Colibrí formula unha pregunta perturbadora: que farías se o destino da persoa que máis odias dependese de ti? Mentres que Los enamorados y el camarero pecha a obra cun romance que podería ser o noso… onde os silencios din tanto ou máis que as palabras. Baixo a dirección de Marien Breis e Ferran Botifoll, e con textos de Ariel Capone e Alberto San Juan, a montaxe convida ao espectador a mergullarse nunha viaxe de 60 minutos que explora o impredicible e contraditorio do amor. A apertura de portas será ás 18:00 h e, “co fin de preservar a maxia escénica e garantir unha experiencia inmersiva para todos os asistentes”, a compañía roga encarecidamente puntualidade aos espectadores; e informa de que, unha vez comezada a función, non estará permitido o acceso á sala. Esta consideración “non só realza a experiencia propia, senón que contribúe á atmosfera colectiva que fai do teatro unha arte viva”, sinalan. A entrada será libre ata completar aforo e con billeteira inversa, co que a audiencia poderá gozar da actividade e decidir a súa contribución ao final dela. Unha cita ineludible para aqueles — maiores de 16 anos— que aprecien o teatro estimulante. O grupo Denigrantes Comediantes está dirixido por Ferran Botifoll e Marien Breis, dous experimentados actores e profesores de teatro que elixiron Nigrán como o seu fogar na procura de tranquilidade e calidade de vida despois dunha extensa traxectoria na escena nacional. Ferran Botifoll é coñecido polo seu papel como Aigor Cajones no icónico programa “Esta noche cruzamos el Mississippi” e a súa participación en exitosas series televisivas como “Médico de familia”, “Al salir de clase” e “Aquí no hay quien viva”, ademais de formar parte da prestixiosa compañía de teatro La Cubana. Pola súa parte, Marien Breis deixou pegada en producións televisivas destacadas como “Genius Picasso” e “Centro médico” entre outras, e formou parte do recoñecido grupo teatral Animalario. Licenciada en Arte Dramática e especializada en Técnica Vocal e Oratoria, imparte clases de comunicación verbal, para aprender a falar en público. Desde a Escola Municipal de Teatro de Nigrán, onde ambos foron docentes, fraguaron a idea de crear un grupo de teatro afeccionado, ao que decidiron bautizar como Denigrantes Comediantes, en homenaxe a unha antiga compañía teatral da localidade que levaba o mesmo nome.