– A exposición da Fundación Santa Cruz pode visitarse no Multiúsos da Xunqueira co gallo do Día Europeo das Persoas sen Fogar. Na presentación a alcaldesa de Redondela puxo o foco nos datos “arrepiantes” que recolle o albergue da fundación nos primeiros nove meses do ano: 8.484 pernoctas e 15.457 comidas servidas.”É unha mostra da situación que vive a nosa sociedade e non podemos mirar para outro lado”.
Co motivo do Día Europeo das Persoas Sen Fogar, o Multiusos da Xunqueira acolle a exposición “Arquitectura dos invisibles”, da Fundación Santa Cruz. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, participaron hoxe na inauguración da mostra baixo o lema “Onde o cartón se volve refuxio”. O obxectivo da exposición é poñer o foco na realidade das persoas sen fogar e que sirva de inspiración para cambiar a percepción que temos, así como a de fomentar a inclusión social.
Desde a Fundación advirten que a demanda de prazas no se albergue medra cada ano, e o perfil dos usuarios e usuarias é cada vez máis diverso: mocidade de familias desestruturadas que a partir dos 18 anos queda fóra do sistema, mulleres vítimas de violencia, persoas con enfermidades mentais ou adiccións, e cidadáns sen recursos.
A alcaldesa destacou os datos “arrepiantes” que recolle a fundación nos primeiros nove meses do ano, con 8.484 pernoctas no seu albergue e 15.457 comidas (entre almorzos, xantar e ceas). Rivas agradeceu “o gran traballo que realiza a Fundación Santa Cruz”, coa que o Concello de Redondela mantén un convenio de colaboración, e salientou “a profesionalidade e implicación dos seus traballadores e traballadoras, que dan resposta ás necesidades urxentes de centos de persoas”. A rexedora redondelá lembrou que é tarefa de todos, “tanto administracións como sociedade, reafirmar o noso compromiso coa dignidade e cos dereitos de todas as persoas”. “A realidade das persoas sen fogar é moi dura, pero non podemos mirar para outro lado e a nosa obriga é visibilizar este drama e esixir solucións”.
A mostra reúne unha ducia de casas realizadas en material de refugallo por usuarios da fundación e que reflicten “as súas reivindicacións e tamén os seus soños e ilusións”. A exposición “Arquitectura dos invisibles” pode verse na Xunqueira ao longo da xornada de hoxe e mañá venres.

