Unha ruta e bicicleta na Portela para observar aves pecha os roteiros ambientais de setembro

adminON
Lectura mínima de 2

Esta fin de semana rematan as actividades de ecoturismo e educación ambiental organizadas polo Concello ao longo do verán. Será o domingo día 29 cunha ruta en bicicleta e observación de aves na Portela. A programación foi todo un éxito de participación cun total de 28 actividades nos meses de xullo, agosto e setembro. Organizáronse saídas a pé, en caiac e en bicicleta para coñecer o patrimonio natural de diferentes parroquias do municipio. Os roteiros ambientais, organizados polas concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente ofreceron tamén rutas guiadas nocturnas que tiveron moi boa acollida entre o público. A pasada fin de semana celebrouse unha actividade novidosa, un xogo de Orientaventura en bicicleta nos montes de Saxamonde, que foi todo un éxito de participación.
A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, destacou a “transversalidade” destas actividades “que apostan polo turismo ambiental, sostible e responsable con saídas para coñecer o patrimonio natural de Redondela”. O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”.
A ruta deste domingo ten un prezo de 5 euros con bicicleta propia, 8 euros con bici do servizo de aluguer do Concello. Para participar é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, rúa Isidoro Queimaliños, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.

Comparte este artigo