O 19 de outubro ciclistas galegos e portugueses compartirán un percorrido non competitivo para explorar natureza, cultura e historia da Eurocidade. Inscricións abertas ata o 17 de outubro
Atravesar fronteiras a golpe de pedal para descubrir un territorio único. Esa é a proposta do BTT Transibérico 2025, que chega á súa segunda edición consolidándose como unha cita imprescindible para amantes da bicicleta e do turismo sostible. O evento, promovido pola Eurocidade Cerveira-Tomiño en colaboración coa asociación Pedal’Arte de Vila Nova de Cerveira e a Colibrí ACDR de Tomiño, celebrarase o vindeiro 19 de outubro cun percorrido inmersivo que convida a explorar o mellor da contorna.
O paseo, de carácter non competitivo, ofrecerá ás e aos participantes unha experiencia de auténtica descuberta: camiños forestais e rurais que conectan natureza, patrimonio, tradicións e gastronomía local. A saída terá lugar na Praza do Seixo de Tomiño, ás 08.30 h (PT) / 09.30 h (GA), cun itinerario guiado exclusivamente por tecnoloxía GPS, que permitirá a cada ciclista percorrer a ruta con total autonomía.
Máis alá da práctica deportiva, o BTT Transibérico 2025 busca dinamizar o comercio e a hostalería locais, promovendo paradas en espazos culturais, negocios, restaurantes e producións agrícolas da Eurocidade. A organización ofrecerá dorsal, seguro, avituallamento líquido e sólido, reforzo e servizo de duchas ao final da xornada.
Con este evento, a Eurocidade Cerveira-Tomiño reafirma o seu compromiso con iniciativas que unen á cidadanía a través do deporte, a cultura e a posta en valor do territorio común. O BTT Transibérico 2025 revélase así como unha proposta de lecer activa que vai máis alá do deporte para converterse nunha viaxe compartida sen fronteiras.
Esta actividade enmárcase na operación 0177_Eurocidade_CT_ADAPT_1_P, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da convocatoria INTERREG VA POCTEP.