HomePontevedraBaixo MiñoUnha vintena de poetas e escritores participan no recital arredor da obra...

Unha vintena de poetas e escritores participan no recital arredor da obra artística de Diego de Giráldez

- Anuncio -spot_img

Será mañá sábado ás 17.30  h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela

O escultor Diego de Giráldez, autor da escultura dedicada a D. Ricardo García Fernández que está ubicada no céntrico Paseo da Corredoira, promove en colaboración co Concello de Tui un recital poético arredor da súa obra artística.  Terá lugar mañá sábado, 25 de outubro, ás 17.30 h no  Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, contando coa colaboración da Biblioteca Municipal do Concello de Tui.

Neste recital participaran cerca dunha vintena de poetas e escritores chegados de toda Galicia que se unen para este encontro cultural arredor da obra artística de Diego de Giráldez.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, expresa o seu recoñecemento ao artista Diego de Giráldez por promover esta iniciativa cultural que enriquece a programación do “Mes da Biblioteca” que promove ao longo de outubro a biblioteca tudense cunha ampla oferta de actividades para todos os públicos e que culmina con este recital poético que reunirá en Tui en torno á obra de Diego de Giráldez a cerca de vinte poetas unindo diversas artes, a escultura e a poesía.

Diego de Giráldez (A Caniza, 1957): Artista multidisciplinar e escritor, cultiva fundamentalmente a escultura e a pintura. Inicia de maneira precoz a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Vigo e intérnase en círculos e faladoiros artísticos. Visita o Museo do Prado e devora libros de medicina e anatomía. En 1975 realiza a primeira exposición individual na Sala Van Gogh de Vigo cun grande éxito, despois de participar anos antes nas súas primeiras colectivas na Escola de Artes e Oficios, entre outros lugares. En 1976 viaxa a Cataluña. Alí amplía estudos artísticos, rodéase de intelectuais e forma parte de faladoiros con críticos de arte e artistas como Salvador Dalí ou Antoni Pitxot. Ao longo da súa traxectoria participou en máis de catrocentas exposicións individuais e en múltiples mostras colectivas; en 1980 é seleccionado para a exposición Maestros del Realismo Español con Antonio López ou Eduardo Naranjo, entre outros, e tamén é un dos dous pintores que representa a España na Exposición Universal de Lisboa de 1998. Así mesmo, está representado en máis dun cento de museos repartidos por todo o mundo: Asia, África, América e Europa (entre eles no Vaticano) e en innumerables coleccións privadas e institucionais. Recibiu numerosas distincións, premios e homenaxes en Europa, fundamentalmente en España e Portugal, e —desde o ano 2006— conta cun museo propio na Caniza. En 1982, coa obra Cristo hombre, presenta unha nova maneira de entender a pintura, o realismo NAS, termo creado por el mesmo é unha conxunción de naturalismo, abstracción e surrealismo. A nivel formal as súas pezas, de debuxo e pincelada precisa, fan que o representado —sexan obxectos, animais ou persoas— adquira unha dimensión transcendente. A súa mirada detense na relación do home coa natureza e o contorno. Os obxectos, animais ou persoas logran un carácter simbólico e, en ocasións, surreal grazas aos seus xogos de escalas.

Publicacións Relacionadas