• A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Fernández (PSdeG-PSOE), agradece o esforzo altruísta levado a cabo polos colectivos Moura Teatro e Os Queimatasas entre os meses de novembro e decembro para recadar produtos non perecedoiros ao longo de todo o municipio
• A esta cantidade hai que engadir os máis de 500 quilos que se reuniron grazas ao festival ‘Nadal, con parte de ti’, promovido pola Asociación Virxe da Renda
O persoal de Servizos Sociais levará a cabo estes días o reparto dos alimentos non perecedoiros, uns 400 quilos aproximadamente, que os colectivos Moura Teatro e Os Queimatasas foron quen de reunir a través da campaña solidaria ‘Caixas de ilusión’. Durante boa parte dos meses de novembro e decembro, a través desta iniciativa repartíronse caixas por numerosos locais, edificios públicos e establecementos de Poio, nas que os veciños e veciñas podían facer entrega de todo tipo de produtos. “Unha vez máis, o tecido asociativo e a cidadanía do noso municipio volveron a ser exemplo de solidariedade e compromiso”, apunta a responsable do departamento, a socialista Rosa Fernández, que calcula que estas doazóns repartiranse entre arredor de 50 familias con menos recursos económicos do concello.
A esta cantidade hai que sumarlle os máis de 500 quilos que tamén se reuniron a través do festival solidario ‘Nadal, con parte de ti’, que tivo lugar o pasado día 11 en Combarro e que estivo promovido pola Asociación Virxe da Renda. “Son achegas que servirán para que moita xente que se atopa nunha situación difícil poida pasar un Nadal mellor e por iso estamos moi agradecidas por todas as doazóns e pola implicación destas asociacións”, subliña Fernández González.
Ademais, nestas tamén se iniciou o reparto de todos os xoguetes de segunda man doados pola veciñanza a través da campaña ‘Ningunha crianza sen sorriso’. Xogos de mesa, bicicletas, libros, videoxogos, bonecas e peluches forman parte destas doazóns, que chegarán a entre 80 e 90 nenos e nenas de diferentes idades e que pertencen a familias en situación de risco de exclusión. Nesta iniciativa implicouse activamente, un ano máis, Silvia Ramírez, veciña de Samieira que foi a encargada de realizar o empaquetado dos xoguetes. Rosa Fernández pon en valor e agradece o seu esforzo que este ano “foi por partida dobre”, xa que a moza tamén formaba parte do grupo de veciños e veciñas que fixeron realidade a campaña ‘Caixas de ilusión’. “Ela é un dos moitos exemplos a seguir que temos neste concello en canto a solidariedade e vontade de axudar aos demais”, agradece a concelleira socialista.



