• O alcalde pretende evitar que se poida producir unha fenda tecnolóxica no municipio polo que está informando á veciñanza deste despregamento
Uns 80 veciños e veciñas de Figueroa e Cerdedo acudiron onte á xuntanza veciñal celebrada no Centro Cultural de Cerdedo convocada polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, para recoller as demandas e as solicitudes de alta para contar con fibra óptica en todos os domicilios do concello neste mesmo ano que agora comeza.
A esta xuntanza, o alcalde Jorge Cubela acudiu acompañado da tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro, e os concelleiros Belen Casado e Agustín Troitiño, ademáis de por unha técnica de Movistar. No transcurso da reunión informouse dos plans previstos para a implantación da fibra óptica no municipio que aínda que se agarda completar o máis axiña posible, está mediatizada pola actuación dos continuos temporais que azotan a comarca.
Nunha xuntanza moi participativa, os veciños que asistiron á asemblea informativa interesáronse por como había que formalizar o contrato, as tarifas vixentes e os prazos previstos para poder dispoñer deste servizo.
Así mesmo, tamén se tomaron nota das incidencias e dificultades particulares que algúns domicilios presentaban para poder instalar a fibra óptica.
Por outra banda, o alcalde informou á veciñanza de que “estamos ante un momento histórico no que non podemos permitirnos que se produza unha fenda tecnolóxica e ninguén quede atrás, por iso e despois de varias reunións con Movistar, logramos o compromiso da empresa instaladora de que ao longo deste ano vaise cubrir o 100% da demanda de fibra óptica no municipio o que permitirá rematar cos problemas de illamento que algunhas poboacións mantiñan ata o de agora sufrindo un alto risco de sufrir unha fenda tecnolóxica”, indicou Cubela.
OUTRAS XUNTANZAS VECIÑAIS PROGRAMADAS
-XOVES 19: Casa do Pobo de Pedre ás 19 horas e na Casa do Pobo de Folgoso cos veciños de Parada e de Folgoso ás 20:15 horas.
-VENRES 20: Casa do Pobo de Tomonde ás 19 horas cos veciños de Tomonde, Filgueira e Vilalén e na Casa do Pobo de Quireza ás 20 horas cos veciños de Quierza e Castro.
-LUNS 23: Casa do Pobo de Valongo ás 19 horas e na Casa do Pobo de Loureiro ás 20:15 horas.
-MARTES 24: Casa do Pobo de Aguasantas ás 19 horas.



