• O concelleiro responsable da área, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), informa de que foi adxudicada a redacción da solicitude de declaración deste enclave como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), a figura legal “máis axeitada para preservar e protexer a illa”
• Agís recorda que desde a apertura de visitas a mediados de agosto o espazo, situado en plena ría de Pontevedra, recibiu a preto de 5.000 persoas
O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, informa de que El Ejidillo Viveros Integrales será a firma encargada de acometer a elaboración da documentación técnica necesaria para tramitar a solicitude de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a Illa de Tambo. A Xunta de Goberno Local procedeu á adxudicación deste servizo, cun orzamento total que ascende a un total de 12.444,85 euros, IVE engadido.
O contrato, tal e como explica Agís, inclúe a realización de todas as fases de tramitación pertinentes, empezando pola recollida de información inicial, ata dar vida ao documento.
“Estamos a falar dunha xestión que resulta imprescindible para que Tambo sexa recoñecida como ENIL, que é unha figura equivalente a nivel medio ambiental a un plan de usos do espazo”, engade o titular de Promoción Económica e Urbanismo. É polo tanto, un avance moi importante de cara a consolidar a protección deste emblemático espazo, aberto de novo á cidadanía, tras varias décadas de uso exclusivo por parte do Ministerio de Defensa. “Desde o primeiro intre tivemos claro que o enorme potencial e valor patrimonial, arquitectónico, cultural e histórico deste enclave debe ser garantido e protexido de cara ao futuro, evitando calquera tipo de especulación urbanística, ao tempo que continuamos ofrecendo á sociedade a posibilidade de visitar e coñecer a illa”, apunta Gregorio Agís, que lembra que, desde o inicio das visitas guiadas a mediados de agosto, foron preto de 5.000 as persoas que se achegaron ata Tambo, ben a través de xeito particular ou tomando parte en excursións organizadas.
Por outra banda, o responsable de Promoción Económica e Urbanismo tamén mantivo hai uns días no Concello un encontro con responsables da Escola Naval Militar de Marín no que foi a celebración dunha nova convocatoria da Comisión Mixta de Tambo. Gregorio Agís recorda que no prego de condicións da concesión demanial acordada co Ministerio de Defensa establécese a convocatoria deste órgano cada seis meses, para analizar os avances que se vaian acadando na consolidación da apertura de Tambo. A concesión demanial contempla unha duración inicial de 25 anos, prorrogable, que equivale a “tempo máis ca suficiente para acadar a titularidade municipal da Illa e que nos permite ir dando pasos para facer deste lugar un punto de referencia a nivel patrimonial, paisaxístico, cultural e turístico”, apunta Agís Gómez. Ademais, o edil do Goberno local tamén lembra que nestas figuras de protección, así como no resto de xestións, téñense en conta as sensibilidades e propostas achegadas polos colectivos integrantes da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo.



