• O Parador de Baiona acollerá os días 19 e 20 de novembro este encontro internacional impulsado pola Autoridade Portuaria de Vigo e o Concello de Baiona.
• O foro coincide co 10º aniversario do Plan Blue Growth e contará co relatorio inaugural da afamada divulgadora e bióloga Odile Rodríguez de la Fuente.
• A programación profesional completarase con xornadas divulgativas, talleres e experiencias inmersivas abertas a toda a cidadanía.
O Océano Atlántico prepárase para acoller unha das citas máis estratéxicas do ano en materia de sustentabilidade e futuro mariño. A Autoridade Portuaria de Vigo e o Concello de Baiona presentaron hoxe, no exterior do Parador de Baiona, a primeira edición do FARO Summit – Future Alliance for Resilient Oceans, un cume de proxección internacional que reunirá a máis de medio centenar de expertos, representantes de administracións, portos europeos, comunidade científica e industria pesqueira e marítima.
O evento nace cunha clara vocación atlántica para impulsar a innovación, a descarbonización e o coidado dos océanos, unindo nunha mesma alianza á comunidade profesional e á cidadanía.
Un compromiso compartido coa sustentabilidade mariña
Durante o acto de presentación, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destacou a histórica e indisoluble vinculación da vila de Baiona co mar, remarcando a aposta decidida do municipio por un modelo de sustentabilidade medioambiental, económica e social: economía azul.
Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, expuxo as liñas mestras da axenda, subliñando o valor transformador que supón celebrar esta primeira edición coincidindo co 10º aniversario da posta en marcha da estratexia Blue Growth.
Á súa vez, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo en valor o liderado da estratexia de economía azul de Galicia, remarcando a relevancia transcendental que o sector marítimo-pesqueiro ten para a estrutura socioeconómica, a cultura e o futuro da nosa comunidade.
Un programa repleto de voces referentes e coñecemento transformador
O FARO Summit ofrecerá durante dous días unha visión integral e de vangarda sobre o presente e o futuro do medio mariño a través de conferencias e mesas de debate de primeiro nivel.
Así, o foro arrincará coa intervención da recoñecida bióloga, autora e divulgadora científica Odile Rodríguez de la Fuente, quen ofrecerá a relatorio “Clima de cambio”, achegando unha mirada inspiradora sobre a reconexión entre o ser humano, a biodiversidade e o océano.
Pola súa banda, expertos da Universidade de Vigo, o IIM-CSIC e ACUIREGAL (a primeira unidade mixta de investigación público-privada entre o Consello Superior de Investigacións Científicas e o tecido empresarial enfocada en impulsar a acuicultura rexenerativa en Galicia) analizarán proxectos punteiros como “Peiraos do Solpor” ou “HippoREF” na mesa dedicada a portos como laboratorios vivos, á vez que representantes de relevantes autoridades portuarias nacionais e internacionais (como Hamburgo, a Asociación Internacional de Portos ou a AP de Bilbao) debaterán sobre a transición cara ás cero emisións, para dar paso ao Porto como destino turístico, coas experiencias das terminais da Coruña, Xixón, Almería ou Motril.
Tamén se falará do financiamento da economía azul, coa achega de SpainSif (Asociación sen ánimo de lucro que promove o investimento sostible).
Un foro participativo e aberto á cidadanía
O científico Alberto González-Garcés será o encargado de abrir a segunda xornada do FARO Summit, abordando a cooperación como valor de crecemento sostible, para dar paso a unha mesa redonda especial que reunirá a representantes neurálxicos da cadea de valor mariña (ARVI, ACLUNAGA, ANFACO, CONXEMAR, ACOPEVI, Stella Maris ou colectivos profesionais como o das Redeiras) para analizar o impacto real e transformador do plan de economía azul liderado polo Porto de Vigo desde 2016.
De igual forma, o Congreso abordará tamén outras temáticas como o cambio climático ou a innovación, para o que contará coa presenza de representantes dos portos de Barcelona, Alxeciras, Huelva, Vigo, Portos do Estado ou o Instituto de Hidráulica Ambiental IH Cantabria.
Ademais, os mozos e os centros educativos do Concello de Baiona terán un papel salientable coa entrega de premios do concurso “Economía Azul no meu Cole” e unha mesa redonda do alumnado.
Máis aló do ámbito profesional, o FARO Summit estenderá a súa actividade ás rúas de Baiona os días 20 e 21 de novembro cunha programación gratuíta orientada a familias, nenos e mozos. A través de exposicións, experiencias inmersivas e talleres pedagóxicos, a cidadanía poderá desfrutar dunha oportunidade única para conectar de forma viva e próxima coa cultura mariñeira e o coñecemento dos nosos ecosistemas oceánicos.

