Denuncia o grave retroceso en participación cidadá polo talante autoritario do Goberno de Abel Caballero que, entre outros, desatende millares de queixas veciñais
Propón revitalizar a figura da Valedora, para que actúe con plena independencia, e esixe a constitución da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións
Xabier P. Igrexas: “Sen participación, sen diálogo e sen transparencia, non hai democracia real”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) comprometeuse hoxe a contribuír ao fortalecemento da Valedoría da Cidadanía en Vigo, unha institución creada en 2002 por impulso dunha alcaldía nacionalista, co obxectivo de defender os dereitos da veciñanza fronte ao “absolutismo totalizante” do Goberno municipal.
Nunha reunión mantida este martes coa nova Valedora, Dolores Galovart, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, trasladoulle a preocupación da formación pola falta de participación cidadá, o bloqueo da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións e a inactividade dos consellos sectoriais. O BNG esixe medidas urxentes para garantir unha democracia real e ofreceulle á Valedora unha “cooperación institucional construtiva” para revitalizar a institución.
Retroceso na participación cidadá
Durante o encontro, que se celebrou a proposta da Valedora e se prolongou por máis dunha hora nun ton cordial, o BNG denunciou o “evidente retroceso” na participación cidadá en Vigo, que atribúen ao “talante autoritario” do Goberno municipal e á “nula disposición ao diálogo” do alcalde, Abel Caballero.
Igrexas criticou que o Goberno municipal exerza “violencia administrativa e institucional” contra asociacións, colectivos e movementos sociais que expresan lexitimamente queixas, reivindicacións ou discrepancias. “Sen participación, sen diálogo e sen transparencia non hai democracia real, por iso temos que insistir en que democracia é moito máis que votar cada catro anos”, afirmou o portavoz ao remate do encontro.
O BNG reiterou o seu rexeitamento sobre a decisión “ilegal” do executivo local de non constituír a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións, unha obriga legal incumprida nun contexto no que se rexistraron preto de 20.000 queixas cidadás desde o inicio do actual mandato, a maioría sen resposta. “Queixas, de veciñanza e de colectivos, que na súa inmensa maioría non son nin atendidas nin contestadas”, lamentou Igrexas.
Outro dos puntos abordados foi a parálise dos consellos sectoriais, que foron reducidos a “espazos ornamentais” e, na súa maioría, non se reúnen desde hai anos. O BNG tamén sinalou o “insuficiente desenvolvemento” do Regulamento de Participación Cidadá, aprobado hai 34 anos, especialmente no relativo á descentralización administrativa para mellorar a atención aos barrios e parroquias, e á promoción da participación directa da cidadanía na toma de decisións.
Revitalizar a Valedoría
Igrexas ofreceulle á Valedora da Cidadanía unha “man tendida para robustecer” a institución, que non presenta o seu informe anual ante o Pleno desde 2017. Entre as propostas, a fronte nacionalista defende a necesidade de reactivar os mecanismos de participación, garantir a constitución da Comisión de Suxestións e Reclamacións e actualizar o Regulamento de Participación Cidadá para adaptalo ás necesidades actuais. “O BNG ofrecémoslle á señora Galovart a nosa disposición a unha cooperación institucional construtiva para contribuír a revitalizar a propia Valedoría da Cidadanía”, declarou Igrexas.
“Diante dun Goberno municipal que insiste na súa falla de diálogo co tecido asociativo e na desatención das demandas veciñais, é máis necesario do que nunca que a Valedoría exerza as súas competencias, desde unha plena independencia, para defender os dereitos das viguesas e dos vigueses”, concluíu o portavoz.