A fronte nacionalista denuncia que centos de familias (2 de cada 3 solicitudes) quedan sen praza cada curso escolar pola insuficiente oferta pública
A deputada Carmela González avanza iniciativas no Parlamento galego para esixir unha rectificación que garanta que todas as familias viguesas teñan unha praza públicaXabier P. Igrexas: “Esta situación é provocada por unha decisión ideolóxica do PP de negarse a ampliar a rede pública de escolas infantís para favorecer a iniciativa privada”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda 5 novas escolas infantís da Xunta en Vigo. Así o reclamaron este luns a deputada no Parlamento galego, Carmela González, e o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, nunha rolda de prensa na que denunciaron que centos de familias da cidade (2 de cada 3 solicitudes) quedan sen praza pública cada curso escolar pola insuficiente oferta.
Dende a fronte nacionalista propuxeron construír estas novas escolas infantís públicas nas zonas de Balaídos, As Travesas, Navia, Casco Vello e Travesía de Vigo. Unha iniciativa que, avanzou González, vai trasladar o BNG a través de iniciativas no Parlamento galego co obxectivo de corrixir este déficit. “O pasado curso máis de 450 nenas e nenos quedaron sen praza e as listas provisionais para o vindeiro ano vaticinan un resultado practicamente igual”, advertiu.
A deputada do BNG afeou que o Goberno galego do PP teña rexeitado propostas similares nos últimos anos a través das emendas nacionalistas aos orzamentos da Xunta. “É un exemplo máis do abandono co que o PP castiga á maior cidade de Galiza”, criticou González, asegurando que esta escaseza de prazas non se resolve con medidas como o pago da Xunta das prazas de 0-3 anos en escolas infantís privadas.
Decisión ideolóxica do PP
Sobre esa cuestión incidiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, quen acusou o Goberno galego do PP de provocar esta situación por unha “decisión ideolóxica” ao negarse a ampliar a rede pública de escolas infantís en beneficio de empresas privadas. Igrexas considerou “indefendíbel” que na maior cidade de Galiza as escolas infantís dependentes da Xunta ofrezan menos prazas públicas que as municipais. Entre ambas, cuestionou porén, só se atende o 25% da demanda total na cidade.
Un déficit de prazas públicas que, criticou o voceiro nacionalista, ten como agravante que o PP devolvera 22,3 millóns de euros de fondos europeos destinados precisamente a ampliar a rede educativa. Contrapuxo este modelo co impulso do BNG dende o Goberno bipartito, multiplicando por cinco o número de escolas nunha lexislatura, e tamén a ampliación das escolas durante as responsabilidades de goberno no Concello de Vigo.
Igrexas defendeu as escolas infantís como un “piar fundamental” para garantir a igualdade de oportunidades, a conciliación da vida familiar e laboral, e tamén o desenvolvemento integral das crianzas. “Son un dereito educativo das propias nenas e nenos”, afirmou.