•O alcalde Luciano Otero sae da reunión coa Xunta con moi boas sensacións e convencido de que o proxecto sairá adiante
O Concello de Pazos de Borbén segue dando pasos firmes para a regularización do Polígono Industrial da Chan de Amoedo. O alcalde, Luciano Otero, acompañado da técnica municipal e do equipo redactor da empresa Urben, mantivo hoxe unha produtiva reunión coa Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia.
As sensacións tras o encontro foron moi positivas, xa que se puido constatar unha boa sintonía e unha clara vontade de avanzar no proceso. Durante a xuntanza, púxose en común a situación actual do proxecto, identificáronse as cuestións pendentes e intercambiáronse impresións sobre os pasos a seguir para conseguir o visto bo definitivo da Xunta á Modificación Puntual do polígono.
A mellor noticia é que non existen atrancos significativos que poidan frear a aprobación por parte dos servizos de Urbanismo da Xunta. O único aspecto que pode prolongar lixeiramente o proceso é a solicitude dunha autorización sectorial a AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea), necesaria polas afectacións do aeroporto, que pode tardar ata tres meses en ser resolta.
Ademais, o informe de Urbanismo sinala algúns aspectos que deberán ser xustificados ou corrixidos, algo que desde o Concello xa se está a traballar para solventar canto antes. “Herdamos un expediente a medio tramitar, desordenado e que estivo moito tempo metido nun caixón, o que o complica todo. Pero con vontade e traballo, todo apunta a que sairá adiante”, afirmou o alcalde Luciano Otero.
A posta en marcha desta Modificación Puntual suporía un importante avance para Pazos de Borbén, xa que permitiría regularizar a situación do polígono e daría luz verde tanto á instalación de novas empresas como á ampliación da actividade das que xa están asentadas. Isto tradúcese en máis actividade económica e máis emprego para os veciños e veciñas do municipio.
O proceso continuará coa espera do informe favorable da Xunta e, unha vez obtido, o documento deberá volver ao Pleno para a súa aprobación definitiva. O Concello reafirma o seu compromiso en seguir traballando para que este proxecto sexa unha realidade canto antes.