Home Pontevedra Redondela celebra o Día de Castelao coa proxección do filme “Antes de...

Redondela celebra o Día de Castelao coa proxección do filme “Antes de nós”

0
1

– O auditorio da Xunqueira acolle este venres a proxección da película que retrata o perfil máis humano de Castelao, como o seu traballo de médico voluntario na epidemia de gripe ou a morte do seu fillo. Digna Rivas anima á veciñanza a aproveitar esta oportunidade para coñecer “o lado máis persoal de Castelao, o seu crecemento como artista e persoa, coa súa dor, amor, esperanzas e contradicións”.

O venres 30 de xaneiro Redondela celebra con cine o Día de Castelao, co gallo do seu aniversario. O ilustre escritor, político e debuxante naceu en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886. Para conmemorar esta sinalada data o Auditorio da Xunqueira acollerá a proxección do filme “Antes de nós”. Será ás 20.00 horas con entrada de balde ata completar aforo. E nesa mesma mañá proxectarase tanto en Redondela como en Chapela para o alumnado dos catro institutos.

A película reflicte o perfil máis humano de Castelao, como a morte do seu único fillo ou o seu traballo como médico voluntario no andazo de gripe que arrasou Rianxo en 1918. Un drama introspectivo sobre a conexión entre a vida, a memoria e a identidade galega.

O filme, estreado en 2025, está dirixido por Anxos Huerta e escrito por Pepe Coira. O actor Xoán Fórneas encarna o papel de Castelao e Cris Igrexas o da súa muller, Virxinia Pereira. Rodada en Rianxo, Pontevedra, Santiago e Muros, a súa fotografía, detalles históricos e un uso moi coidado do galego dialectal fan desta peza unha película de obrigada referencia para coñecer por medio do cinema a Castelao.

A proxección está organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. A alcaldesa, Digna Rivas, como responsable desta área, anima a toda a veciñanza a achegarse ao auditorio e aproveitar a oportunidade de coñecer dun xeito ameno “o lado máis persoal e íntimo de Castelao, o seu crecemento como artista e como persoa, coa súa dor, amor, esperanzas e contradicións”. Esta película deixa a un lado a figura do mito para explorar a súa verdadeira esencia, como era Castelao antes de ser Castelao”.