- O Concello do Porriño instala un xerador de emerxencia na Casa Consistorial e reforza os servizos básicos ante o apagamento eléctrico.
- Sete patrullas da Policía Local, Protección Civil, servizos de emerxencia e persoal municipal despregados para garantir a seguridade da poboación.
O Concello do Porriño vén de activar un operativo especial co obxectivo de facer fronte ao apagamento eléctrico que, desde o mediodía deste luns, afecta a toda a península ibérica. Ante esta situación extraordinaria, o alcalde, Alejandro Lorenzo, anunciou unha batería de medidas destinadas a garantir a seguridade da poboación, a continuidade dos servizos básicos e o apoio ás empresas e establecementos comerciais do municipio.
“Estamos diante dunha emerxencia sen precedentes que require unha resposta rápida e eficaz. O noso compromiso é claro: traballar para protexer á veciñanza e asegurar que dispoñan dos medios necesarios para afrontar esta situación nas mellores condicións posibles”, afirmou Lorenzo. O rexedor explicou que, como primeira medida, instalouse un xerador de emerxencia na Casa Consistorial, que permitirá restablecer o funcionamento dos servizos municipais esenciais. Este dispositivo tamén estará dispoñible para que a cidadanía poida recargar aparatos sanitarios, dispositivos electrónicos fundamentais ou realizar outras necesidades básicas en caso de emerxencia.
O operativo especial contempla tamén o despregue reforzado da Policía Local, con sete patrullas distribuídas polo municipio, así como a participación de Protección Civil, servizos de emerxencias e persoal municipal, co obxectivo de asegurar a protección cidadá e ofrecer apoio en todo o termo municipal. As tarefas de control e supervisión están a desenvolverse de forma continua tanto no casco urbano como nas parroquias, reforzando a presenza nos espazos máis sensibles para preservar a seguridade e atender calquera eventualidade. A falta de funcionamento dos semáforos obrigou a que a regulación da circulación sexa realizada manualmente nos principais cruces e puntos de maior tránsito, procurando evitar accidentes e garantir a fluidez do tráfico.
En coordinación co centro de saúde local, tamén se reforzou o apoio sanitario, garantindo que se manteñan operativos os servizos médicos para atender á poboación en caso de emerxencia.
O Concello estableceu un protocolo de seguimento constante da evolución da situación, mantendo contacto permanente cos servizos autonómicos e estatais para adaptar o dispositivo municipal a medida que sexa necesario.
O alcalde realizou un chamamento á responsabilidade individual e colectiva da cidadanía. “Pedimos á veciñanza que evite desprazamentos innecesarios, que extreme a precaución nas vías públicas, especialmente nas interseccións sen regulación semafórica, e que empregue o 112 só en casos de verdadeira urxencia, para non colapsar a liña de emerxencias”, destacou Alejandro Lorenzo. Ao mesmo tempo, agradeceu “a colaboración, o comportamento exemplar e a comprensión da veciñanza, nun contexto que, sen dúbida, está poñendo a proba a nosa capacidade de resposta como sociedade”.
Desde o Concello tamén se lembra que calquera nova información ou recomendación será comunicada a través dos medios oficiais e dispoñibles, asegurando así que a poboación estea puntualmente informada das evolucións e novas medidas que poidan ser necesarias.