A asociación de veciños organiza para este sábado unha festa que comeza cun magosto con castañas gratis para todas as persoas asistentes
A parroquia de Figueirido será este sábado, a partir das 20:30 horas, o escenario do acendido da súa composición de Nadal, resultado dun intenso traballo veciñal que se prolonga desde o mes de setembro e que contou coa implicación directa de arredor de trinta persoas coordinadas pola asociación de veciños presidida por Raquel Peón.
O elemento central desta proposta é unha singular árbore de palés de once metros de altura, elaborada a partir da colocación estratéxica de 144 palés e iluminada con 18.000 leds. A iniciativa, que combina creatividade, sustentabilidade e espírito comunitario, converteuse xa nun referente pola súa capacidade de atraer visitantes e de transmitir a ilusión do Nadal desde o rural.
A veciñanza leva meses traballando na execución desta composición, mais a planificación comezou xa en xaneiro, pensando nas novidades que sorprenderán este ano. A asociación quere destacar especialmente a implicación de tres persoas xa xubiladas e con algo máis de tempo libre que, de maneira constante, participan no traballo diario, demostrando que a experiencia e a dedicación son claves para o éxito colectivo. A asociación de veciños conta tamén coa colaboración da Comunidade de Montes de Figueirido. Trineos, trens, árbores, un castelo, un portal de Belén e mesmo una noria artesanal serán só algúns dos elementos presentes este ano na creación artística de Nadal.
O acendido da árbore será o colofón ao magosto organizado pola asociación, que ofrecerá castañas de balde e música en directo a todas as persoas que se acheguen. Ademais, este ano o Mercadiño de Nadal, de carácter itinerante, recalará en Figueirido tras ter pasado nas súas primeiras edicións por Vilaboa, Riomaior e Paredes, sumando a oferta de artesáns e propostas de agasallo ao atractivo da composición lumínica.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, quixo agradecer publicamente esta implicación veciñal, que considera decisiva para dinamizar as parroquias e crear ambientación festiva nun municipio extenso e sen núcleo definido. “Nun concello cun orzamento limitado sería imposible acadar unha ambientación desta magnitude sen o esforzo da veciñanza. A miña máis sincera felicitación a todas as persoas que fan posible este proxecto, que nos enche de orgullo como comunidade”, sinalou.
Poza subliñou ademais que a ambientación de Vilaboa destaca pola súa sustentabilidade e responsabilidade ambiental, así como pola convivencia e o sentimento de pertenza que transmite. “Aquí o que impera é a creatividade colectiva e o orgullo de ser de Vilaboa”, concluíu.
Con esta iniciativa, Figueirido convértese na primeira parroquia de Vilaboa en acender o Nadal, á espera de que nos vindeiros días se sumen os barrios de Cabadachán, Paredes, Santa Cristina, Igrexa de Vilaboa e o Alcouce, que ultiman os seus propios proxectos lumínicos.
Este ano, o Concello decidiu incrementar as axudas ás asociacións veciñais, apoiando directamente o seu esforzo e compromiso, en substitución do tradicional concurso de iluminación, que en ocasións xeraba máis discordia que espírito de Nadal.
O resultado é un Nadal máis participativo, máis comunitario e máis unido, no que cada barrio aporta a súa luz e ilusión para compartir coa veciñanza.



