HomePontevedraVilaboa aproba un orzamento equilirado para 2026 con débeda cero e máis...

Vilaboa aproba un orzamento equilirado para 2026 con débeda cero e máis servizos

- Anuncio -spot_img

O documento ascende a 4.422.016 euros, reforza partidas sociais e culturais e asume o sobrecuste do SAF fronte á insuficiente achega da Xunta

O Concello de Vilaboa aprobou no pleno de onte un orzamento equilibrado para o ano 2026 que ascende a 4.422.016,93 euros, tanto no estado de ingresos como no de gastos. O documento estará dispoñible desde o 1 de xaneiro, reforzando a transparencia e a planificación municipal. Ademais, Vilaboa mantén a súa situación de débeda cero, o que lle permite afrontar con solidez os compromisos de gasto e investimento. Trátase dun proxecto continuísta respecto ao ano anterior, cun lixeiro incremento do 0,35%, que responde á previsión de maior recadación por taxas e ingresos patrimoniais, compensando a redución nas transferencias correntes da Xunta de Galicia, que deixou de subvencionar  a ADL.

Este orzamento sitúase nun contexto económico de crecemento moderado, cunha previsión do PIB arredor do 2% en España e do 1,8-1,9% en Galicia. A diminución da taxa de paro e a moderación da inflación permiten ao Concello manter o compromiso de contribuír, na medida das súas posibilidades, á dinamización da economía local e á mellora dos servizos públicos.

No capítulo de gastos, destácase o esforzo en persoal para reforzar departamentos clave como urbanismo, servizos sociais e medio ambiente  O gasto corrente increméntase un 1,63% respecto a 2025, con especial atención ao Servizo de Axuda no Fogar (462.500 euros),  que supón un importante esforzo municipal xa que ademáis de ser unha competencia supramunicipal a Xunta de Galicia abona o prezo da hora 9 euros por debaixo do seu custe real. Mantéñense tamén programas de igualdade, transporte para vítimas de violencia de xénero e actividades culturais e de dinamización económica, cunha dotación conxunta de 110.000 euros.

As transferencias correntes medran un 12%, reforzando o apoio á Escola de Música, á Asociación Cultural Cobres, ás ANPAS e ás entidades deportivas e veciñais. O Concello mantén ademais as axudas de emerxencia social e as subvencións nominativas que garanten a continuidade de entidades de referencia no municipio. Outro dos gastos deste capítulo é o pago a SOGAMA polo lixo xerado, aínda que a compostaxe en Vilaboa reduce cada ano a factura que para 2026 está prevista en 160.000 euros.

En investimentos, o orzamento contempla actuacións relevantes como a adquisición de terreo para aparcamento no Centro Social de O Picho (25.000 euros), melloras nas escolas infantís (50.000 euros), a reforma da casa de cultura de Paredes  (48.000 euros) e diversas obras de infraestrutura (123.000 euros). Destaca a achega municipal ao convenio de abastecemento de auga da ría de Pontevedra, cunha dotación de 55.000 euros, fundamental para o desenvolvemento sostible e futuro de Vilaboa.

Cómpre salientar que o goberno local  aceptou dúas das tres propostas presentadas polo BNG ainda que sen dotación orzamentaria. Carmen Gallego, concelleira de Facenda, recolleu a suxerencia do portavoz nacionalista de creación dun catálogo de simboloxía fascista aclarando que o novo Real Decreto do Ministerio convida aos concellos e a calquera persoa a trasladar unha memoria relativa á simboloxía fascista na localidade, recaendo nun comité de expertos a decisión da súa retirada ou da súa resignificación. O goberno local asumiu tamén a suxerencia nacionalista de buscar unha parcela axeitada para crear unha zona de autocaravanas no municipio. A terceira proposta, relativa á compra de chan para poñer a disposición da Xunta de Galicia para a construción de vivenda pública, foi rexeitada xa que Vilaboa carece de chan urbanizable mentras non conte cunha rede de abastecemento de auga solvente.

En conclusión, o orzamento de 2026 reafirma o compromiso do Concello de Vilaboa coa protección social, a promoción cultural e deportiva, a dinamización económica e a mellora continua dos servizos públicos, aproveitando ao máximo os recursos dispoñibles para favorecer o benestar da veciñanza.

Publicacións Relacionadas