A renovación do parque do Canabal e a extensión e revisión da rede de saneamento, proxecto xa en marcha na entrada do 2025
Coa mirada posta no avance da mancomunidade da auga de Pontevedra, imprescindible para o desenvolvemento urbanístico e industrial de Vilaboa, o Concello despide o ano cun investimento executado que ronda os dous millóns de euros e que, en boa parte, foi destinado á dotación de saneamento a diferentes núcleos de poboación e ao acondicionamento da rede viaria, tanto en asfaltado como en sinalización e seguridade vial.
Neste ano 2024 o goberno local renovou estes servizos básicos nos lugares de Acuña (223.000 euros); Outeiro e Amproa (115.000 euros); A Cardiña (136.403 euros); Croas (43.000 euros); Nores (30.000 euros); Gandarela-Casfalcón (25.374euros); Outeiro-Santa Cristina (49.327 euros); Sabaxás- Bértola e Lufiña.
Entre os investimentos executados cabe destacar o remate da senda peonil ata a igrexa de Figueirido (cun orzamento de 500.000 euros impulsado polo ex goberno socialista na Deputación) e o recén rematado centro social e dos maiores do Picho (643.268 euros), pendente agora da dotación de mobiliario.
A reforma das escolas infantís (30.000 euros) e a mellora do pavillón do Toural (60.000 euros) completan as obras máis destacadas neste ano 2024, no que o goberno de César Poza apostou decididamente polo patrimonio e a cultura poñendo o foco no Entroido de Cobres para convertelo en Festa de Interés Turístico Nacional e respaldando aos centros educativos do municipio que neste ano foron quen de atraer a atención nacional e autonómica con premios que ata achegaron a Vilaboa ao ministro Grande Marlaska para a entrega da máxima distinción no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar.
E sen perder de vista que a vertebración de Vilaboa en torno a un núcleo no Toural pasa pola chegada dan tan esperada rede de abastecemento de auga desde Pontevedra, o goberno local que lidera César Poza traballa nun proxecto de transformación que encara o 2025 con importantes obras xa en marcha ou en fase de licitación.
Unha das máis destacadas é o parque do Canabal, cun investimento superior aos 300.000 euros e que se está a executar en dúas fases. Comezaron xa os traballos para a dotación dunha pista multidisciplinaria (82.819 euros) e se fará unha remodelación global coa habilitación dun espazo ordenado para o estacionamento de vehículos e a construcción dun auditorio (224.904 euros).
En marcha, pendentes de execución están a reforma dos núcleos de A Mula (Paredes); Cabadachán (Vilaboa) e Muíño (Santa Cristina), así como a reforma da contorna do Forno de Cal.
Pendentes de licitación, proceso que se concluirá no primeiro semestre de 2025, está a reforma integral da Carretera Vella en Paredes e ao longo do ano o goberno local investirá máis de 220.000 euros na revisión da rede de saneamento; na reforma do parque de Riomaior; no Mirador do Cabalo e na rehabilitación do Muíño do Toxal
“Temos en marcha unha profunda transformación de Vilaboa. Sabemos que quedan moitas pistas por asfaltar e moitos lugares que ainda carecen de servizos básicos pero avanzamos porque temos un proxecto moi claro para o noso municipio e non hai tempo que perder”, insiste o alcalde de Vilaboa.
Sen embargo, César Poza destaca que o apartado máis gratificante deste ano 2024 é ter contribuído a fortalecer “ese escudo de protección social para os máis vulnerables” e que tivo unha traducción no orzamento municipal cunha partida cercana aos 400.000 euros para o servizo de atención no fogar (SAF) e o programa de envellecemento activo. O apoio ás entidades deportivas, veciñais e culturais do municipio así como unha partida específica para igualdade, sumado ás actividades de promoción dos sectores produtivos de Vilaboa a través da Festa do Mar e a Festa do Viño completan un ano intenso de traballo que permite ao alcalde de Vilaboa encarar o novo ano con enerxías renovadas e o convencemento de estar a executar “o proxecto que Vilaboa necesita”.

