O Concello amplía medidas que favorezan a xestión da biomasa en núcleos como Sobreira, Vilar e A Graña
O Concello de Vilaboa está a traballar na actualización do seu Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais co obxectivo de habilitar novas ferramentas que permitan unha xestión máis eficaz da biomasa e unha maior protección dos núcleos máis expostos. A modificación afectará especialmente ás zonas de Sobreira, Vilar e A Graña, tres ámbitos considerados prioritarios pola súa elevada vulnerabilidade tanto fronte aos lumes como ás consecuencias dos temporais rexistrados nos últimos meses.
Nestes lugares, os accesos principais —e nalgúns casos os únicos— discorren por pistas municipais que, pola súa catalogación actual, só dispoñen dunha franxa de protección de seis metros fronte a especies pirófitas. Unha distancia claramente insuficiente para garantir a seguridade en caso de incendio, xa que a proximidade entre marxes facilita a propagación do lume. Ademais, os temporais deste inverno deixaron numerosas pólas caídas sobre estes viais, dificultando a circulación e evidenciando a necesidade de ampliar as zonas de protección.
As recomendacións dos técnicos de Medio Rural van na liña de transformar estes camiños municipais en auténticos cortalumes dentro do Plan de Prevención, o que permitiría establecer franxas de seguridade máis amplas e efectivas fronte a especies como o eucalipto ou o piñeiro.
César Poza, alcalde de Vilaboa, considera urxente a adopción de medidas que garantan “a seguridade xeral da veciñanza, que está por riba da desidia dalgúns propietarios que manteñen especies pirófitas demasiado preto das estradas”.
Poza lembra que a experiencia do pasado verán e os danos provocados polos temporais recentes deixan claro que o municipio non pode seguir asumindo riscos evitables.
O departamento de Medio Ambiente está a revisar centos de expedientes abertos por incumprimentos relacionados coa presenza de especies pirófitas en parcelas próximas a viais públicos. Cada caso atópase nun punto distinto de tramitación, polo que o Concello está a realizar unha revisión individualizada para garantir unha actuación rigorosa.
O alcalde, César Poza, recalca que o reforzo das medidas e as intervencións previstas responden unicamente a criterios técnicos e de protección cidadá. “Aquí non hai nada que debatir, hai que garantir a seguridade da xente”, sinala. O rexedor insiste en que o Concello asumirá un papel activo na prevención para minimizar o risco que supoñen tanto os incendios como os temporais.
A actualización do Plan Municipal de Prevención supón, segundo o goberno local, un compromiso firme por anticiparse aos riscos e reforzar a seguridade en todo o territorio municipal.



