Difundir as tradicións de Ponteareas, a gastronomía e o folclore galego nunha das celebracións máis multitudinarias das illas Canarias foi posible, un ano máis, grazas á irmandade que o Concello de Ponteareas e o concello de La Orotava manteñen dende hai 42 anos.
Todo comezou nun encontro de corais, a música sinal de identidade de Ponteareas provocou esta unión prolongada a través dos anos da man doutro dos sinais identitarios da Vila do Corpus, a arte das alfombras de flores de Corpus.
Cada ano un tramo alfombreiro acompañado de representantes do goberno de Ponteareas e dun grupo de gaiteiros locais visita La Orotava para confeccionar un tapiz de flores, amenizar as festividades con música tradicional e participar nos actos oficiais xunto ao goberno de La Orotava.
Se a unión xa era forte, este ano o goberno orotavés, liderado por Francisco Linares, deu un paso máis convidando á alcaldesa Nava Castro e ás concelleiras de Turismo, Raquel Bautista, e concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fernández, a subir ao balcón presidencial no momento máis álxido desta celebración.
“Estamos moi agredecidos ao goberno de La Orotava por fortalecer o noso vínculo, pola acollida que ofrece aos ponteareáns, polo trato de irmáns que materializa visibilizándonos, manténdonos sempre ao seu carón e atendéndonos en cada necesidade. A música uniunos por vez primeira e a arte das alfombras selou esa amizade”, explica a alcaldesa.
Esta viaxe permite á vila de Ponteareas difundir arte, tradición, costumes e folclore nun escaparate visitado por milleiros de persoas e que moitos medios de comunicación cubren. “Participamos en distintos programas de televisión e radio, ademais de prensa escrita. Entrevistan aos nosos gaiterios, ás alfombreiras e tamén ao goberno. Tanto as concelleiras como a alcaldesa atendemos aos medios. Supón unha oportunidade excelente para promover turísticamente a nosa vila. Agasallamos rosquillas de Ponteareas e multiplicamos o seu nome abrindo novas posibilidades”, explica Raquel Bautista, concelleira de Turismo.
Familias anfitrioas, clave para a irmandade
As e os alfombreiros de Ponteareas do tramo Elduayen-La Giralda confeccionaronn un fermoso tapiz de flores ás portas da igrexa parroquial, estreitaron vínculos na cea do tradicional Baile de Magos, visitaron os principais recursos turísticos, confraternizaron coas familias locais alfombreiras e formaron parte da romaría de San Isidro na que soaron as gaitas, degustáronse rosquillas e entoouse cantigas populares galegas.
Ademais do balcón presidencial, a comitiva galega tamén tivo a ocasión de saudar dende o balcón de Francisco Baute, veciño que quixo ser anfitrión e ofrecer a súa casa para un pequeno descanso das e dos ponteareáns durante os festexos. “As relacións humanas son fundamentais para que esta irmandade perdure, cada ano algúns veciños exercen de anfitrións e ofrécennos un petisco e algo fresco e un espazo para repor forzas. Isto é algo que tamén fan algúns ponteareáns e que queremos fortalecer porque realmente é o que fai perdurar este cariño, é unha transmisión das persoas ao igual que a arte das alfombras de flores”. A alcaldesa tamén quixo salientar o apoio do concelleiro, Sergio Martín, que a título persoal exerce de anfitrión.
Non é difícil ir polas rúas da vila de La Orotava e escoitar falar da alfombra dos galegos ou das rosquillas de Ponteareas ou tamén relatar historias de vidas de parellas unidas grazas a esta relación de irmandade. Son moitos os veciños de Canarias que motivados pola presenza pontearéa nas súas festividades visitan logo Galicia.
“Esta viaxe permite aprender, establecer contactos, pór en valor ás nosas alfombreiras e posicionar as nosas celebracións na axenda non só da cidadanía da zona tamén dos milleiros de turistas que visitan a illa”.
Concelleiras e alcaldesa agradecen o intenso traballo das e dos alfombreiros desprazados a La Orotava que regresan hoxe a Ponteareas logo de participar no evento da batalla de polcas na tarde de onte. Tamén a dos músicos de Algazara de Celeiros e “como non, a hospialidade das e dos villanos que nos abren as portas dos seus fogares para que nos refresquemos e de todas aquelas persoas que se paran a tirar unha foto ou gravar un vídeo ou corear xunto a nós unha cantiga galega”.