Visita ao alumnado “olímpico” do IES Illa de San Simón

adminON
Lectura mínima de 3

-Digna Rivas e outros membros do goberno local acompañaron ao presidente galego Alfonso Rueda nunha visita ao IES Illa de Sa Simón para felicitar ao alumnado e profesorado do instituto logo de acadar a medalla de bronce na Olimpíada Científica de Tailandia.

-A alcaldesa lamentou que esta visita non servise para acadar “un compromiso firme e datas concretas” por parte da Xunta para a esperada reforma da avda. Mendiño “pola que Redondela leva agardando case cinco anos”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto con outros membros do goberno local, acompañou este mediodía ao presidente galego Alfonso Rueda nunha visita ao alumnado do IES Illa de San Simón. O obxectivo deste encontro non era outro que o de felicitar ao alumnado e profesorado do instituto redondelán logo de acadar a medalla de bronce na Olimpíada Científica de Tailandia. Foi o pasado mes de decembro cando “Os raios de Redondela” con Carla Acosta, David Lago e Rubén Lago se fixeron con este importante galardón en Bangkok representando a España xunto a súa profesora Tania Martínez. O presidente da Xunta e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, felicitaron aos participantes e ao centro en xeral por esta medalla. A alcaldesa Digna Rivas e os concelleiros Roberto Villar e Iván Valles trasladáronlles tamén os seus parabéns ao alumnado “olímpico” así como aos seus compañeiros e o equipo docente e a directiva do IES “xa que son un verdadeiro un orgullo para Redondela”.
Digna Rivas lamentou que esta visita por parte do presidente da Xunta a Redondela non servise para acadar “un compromiso firme e datas concretas” para a esperada reforma da avda. Mendiño “que presenta un estado moi deficiente e onde está este instituto, ao igual que outros centros de ensino e deportivos da vila”. A alcaldesa lembra que hai máis dun mes, o pasado 5 de decembro, o Concello enviou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade un proxecto de reforma e, polo de agora, non houbo resposta nin compromiso algún. O anuncio por parte da Xuta para humanizar esta avenida está a piques de cumplir cinco anos.

Comparte este artigo