Volve a Festa do Teatro Amador ao concello de Ponteareas

adminON
Lectura mínima de 4
  • A primeira cita será este domingo día 5 ás 18:00 horas no que o grupo de teatro “Pena do Equilibrio” porá en escena “Agora as vellas e os vellos xa se poden namorar

Oito compañías de teatro amador protagonizarán unha nova edición do Tea Trea, unha aposta da concellería de Cultura do Concello de Ponteareas que ofrece un amplo programa do que gozar nos meses de outubro e novembro. No auditorio municipal Reveriano Soutullo subirán ao escenario os grupos de teatro “Pena de equilibrio”, “Noite Meiga”, “A Comuna”, “Pedra do cabalo”, “Bambolina33”, “Todos xuntos”, “Os Serodios” e “Ponte Caneiro”.

A primeira cita será este domingo día 5 ás 18:00 horas no que o grupo de teatro “Pena do Equilibrio” porá en escena “Agora as vellas e os vellos xa se poden namorar”. Nesta edición o grupo convidado será “Noite Meiga” que actuará no auditorio o domingo 12 de outubro ás 18:00 horas. A continuación, o domingo 19 de outubro ás 18:00 horas actuará “A Comuna” e xa o domingo 26 o grupo de teatro “Pedra do Cabalo”. A programación continúa no mes de novembro con “Bambolina 33” o domingo 2 de novembro, con “Todos Xuntos” o sábado 8 de novembro, con “Os Serodios” o domingo 9 e con “Ponte Caneiro” o 22 de novembro.

Para seguir gozando do teatro e no marco do convenio entre o Concello de Ponteareas e AGADIC o xoves 30 de outubro está programada a obra “Os divertidos espíritus de Samaín” de Barafunda Animación cunha entrada subvencionada de 3 euros, o venres 21 de novembro “Diazepan Karaoke” de Ibuprofeno teatro cunha entrada de 5€, o domingo 23 de novembro “Retrincos de Castelao” de Artefeito e xa o domingo 30 de novembro “Boa sorte, mala fama” de Tarabela creativa cun prezo por entrada de 5€.

“O Tea Trea é unha plataforma que visibiliza o talento e o traballo local dando tamén a oportunidade á cidadanía de gozar do tempo libre coas actuacións de grupos de teatro de aquí e tamén do grupo convidado”, explica o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos Glez. Carrera. Engade tamén que ao longo de todo o ano traballan para ofrecer unha programación variada e para todos os públicos, “programamos durante todo o ano para que non teñamos que desprazarnos a outras vilas e sempre que o hai contamos cos recursos locais conectándoos cos de fóra porque así se produce un triple enriquecemento, para o público, para as iniciativas locais e tamén para os que veñen doutras vilas e cidades”.

A alcaldesa Nava Castro quere felicitar a todos os grupos de teatro polo seu traballo e tamén convida a non perderse ningún dos espectáculos incluídos os ofrecidos baixo o paraugas de AGADIC, “non dubidamos en buscar alianzas con todas as administracións e iniciativas que nos permiten enriquecer e completar o noso traballo”.

Comparte este artigo