Serán os días 5 e 6 de abril no SEI San Narciso e foron presentadas esta mañá no Concello
O Concello de Marín acolleu esta mañá a presentación da segunda edición das ‘Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas’, coa presenza da alcaldesa, María Ramallo; o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e representantes da Federación Ciclismo Galego.
Logo do éxito que supuxo a súa estrea o pasado mes de setembro, o gran cumio do ciclismo feminino celebrarase neste 2023 durante a Semana Santa, o 5 e o 6 de abril.
As instalacións do Colexio SEI San Narciso volven acoller esta iniciativa coa que a FCG deu un paso máis na súa aposta polo binomio muller e bicicleta. Aumentar os coñecementos teórico-prácticos e crear vínculos entre as corredoras a través da convivencia son as dúas principais metas a alcanzar nesta xuntanza dirixida a ciclistas de todas as categorías de base e de todas as modalidades. Nos vindeiros días os clubs recibirán as convocatorias para inscribirse nesta actividade gratuíta, que inclúe aloxamento e pensión completa.
As ‘Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas’ presentan un formato similar ao da súa primeira edición e contan de novo cun cadro de poñentes de luxo. As charlas formativas impartiranas Gema Pascual (Presidenta da Comisión nacional de ciclismo feminino e Seleccionadora española de ciclismo feminino en ruta), José Ramón Lillo Bevia (Doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte) e Coral Fernández Gumiel (Xefa de División na Comisión Española para a Loita Antidopaxe no Deporte (CELAD)).
Tampouco faltará o coloquio no que participarán mulleres vinculadas de diferentes formas a a este deporte. Con Terio Carrera -presentador da Televisión de Galicia- exercendo de moderador, compartirán as súas experiencias no mundo do ciclismo Pilar Pavón (Médica en voltas ciclistas), Dolores Cuñarro (Árbitra de categoría nacional), Eva Castro (Seleccionadora de Galicia de especialidades gravity) e Luz Iglesias (fotógrafa en eventos de ciclismo).
O programa destes dous días complétase cun adestramento de todas as modalidades. A realización destas xornadas é posible grazas ao inestimable apoio do Concello anfitrión e da súa Concellería de Deportes. Grazas a súa implicación, Marín volverá converterse na capital galega do ciclismo feminino.



